Asinan un convenio de colaboración para avanzar na investigación sobre o idioma da comunidade

Educación e Real Academia, da man no impulso do galego

Xesús Vázquez e Méndez Ferrín, trala sinatura do acordo en Santiago. (Foto: XOÁN CRESPO)
A Consellería de Educación asinou onte o seu convenio de colaboración coa Real Academia Galega (RAG) para avanzar na investigación sobre o galego en materia terminolóxica, lexicográfica e sociolingüística. Así o explicou o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, tras proceder á sinatura do convenio co presidente da RAG, Xosé Luis Méndez Ferrín, nun acto no que reiterou o 'compromiso' da Xunta nesta materia.
Este novo marco de colaboración permitirá, en primeiro lugar, 'avanzar nos traballos terminolóxicos da RAG', como, por exemplo, o que desenvolve de forma conxunta coa Xunta, través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, para o desenvolvemento do Termigal, servizo de terminoloxía científico-técnica en lingua galega.

Ademais da atención ás consultas terminolóxicas da Administración, empresas e particulares, o Termigal levará a cabo este ano, no marco deste convenio, un proxecto de investigación, recollida e preparación de terminoloxía galega de botánica e traballará na elaboración da parte galega do Vocabulaire Panlatin du Marketing Économique da Red Realiter.

No ámbito dos traballos lexicográficos, o convenio permitirá finalizar a nova edición do dicionario da RAG, así como actualizar o seu dicionario bilingüe castelán-galego.

No marco deste acordo impulsarase a investigación sociolingüística sobre os cambios e a evolución da lingua galega, o que permitirá poñer en práctica novas medidas de acordo coa realidade actual.

Ademais dos proxectos que se inclúen neste convenio, a Consellería de Educación colabora coa RAG na realización do XXIV Curso de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros e Españois fóra de Galicia, unha iniciativa que se desenvolve no Instituto da Lingua Galega da USC durante o mes de xullo e na que participan 90 estudantes de 20 países.

Tras a sinatura do convenio, o presidente da RAG eloxiou o 'entendemento' existente entre ambas as dúas institucións ao tempo que o conselleiro de Educación cualificou o seu trato como 'moi cordial'. Así, aínda que Méndez Ferrín sinalou que a achega económica autonómica á RAG 'está moi diminuída', recordou a 'difícil' situación económica actual.

Te puede interesar