Un experto calcula en 1.500 millóns de euros os danos do 'Prestige'

Os danos xerados polo afundimento do petroleiro 'Prestige' en novembro de 2002 e a posterior marea negra xerada ascenden a uns 1.500 millóns de euros, segundo anunciou hoxe o profesor Albino Prada da Universidade de Vigo, quen advertiu que só poderá percibirse un máximo do 11 por cento debido ao actual sistema de seguros.

Prada fixo estas declaracións á marxe dunha xornada científica organizada pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Consello da Cultura Galega (CCG) para presentar un libro que estuda os efectos desa catástrofe ecolóxica.

A xornada desenvólvese despois de que esta semana o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da localidade coruñesa de Corcubión dea por concluída a instrución do caso 'Prestige', o que permite que o procedemento, cuxa instrución composta por 190 tomos, poida avanzar para que a Audiencia provincial fixe a data de celebración da vista oral do xuízo.

Prada, que exerceu de decano da Facultade de Económicas da Universidade de Vigo, sinalou que estes 1.500 millóns de euros inclúen 'danos comerciais e non comerciais', pero advertiu que 'apenas o 11 por cento' podería ser percibido debido ao actual sistema de seguros, que cuestionou.

'O peor non é que esteamos por debaixo do valor dos danos, senón que o sistema de seguros non incentiva as mellores prácticas no transporte marítimo', dixo o profesor e un dos autores da obra 'Recursos en I+D+i dedicados ao estudo dos efectos da vertedura do Prestige (2003-2008)', escrita por un grupo de científicos sobre as consecuencias da marea negra.

Na súa opinión, 'o que si incentiva e estimula' as prácticas de seguridade no transporte marítimo é 'un sistema no que a responsabilidade sexa ilimitada e caia directamente sobre o armador' para poder aplicar o principio de que 'quen contamina paga'.

Prada lamentou que nove anos despois desa catástrofe, nin a Unión Europea (UE) nin España tomaron medidas, como fixo Estados Unidos despois da traxedia do 'Exxon Valdez' en 1989 en Alaska, para incluír os danos 'non comerciais'.

Precisou que Estados Unidos, a diferenza da UE, inclúe nos danos que deben compensar as aseguradoras, os derivados non só da falta de ganancias de mariñeiros, hoteis ou outras actividades comerciais, senón as consecuencias para o 'benestar social da poboación' e para a 'calidade da biodiversidade do medio natural', que poden ser calculadas.

'Para que as prácticas de transporte marítimo melloren radicalmente, a mellor maneira é que o asegurador responda de todos os danos e fiscalice a calidade do transporte marítimo que está asegurado', dixo.

Prada lamentou que o actual sistema de seguros de transporte marítimo en Europa, como mostra o caso do 'Prestige', non penaliza que haxa 'un barco demasiado vello, unha tripulación subestándar ou revisións de axencias de cualificación que superan criterios moi discutibles'.

Por iso, alertou de que 'o risco ou a probabilidade de ter unha nova marea negra segue estando aí e segue sendo altamente probable', polo que exhortou a un cambio do sistema no conxunto da Unión Europea, antes de que se repita unha nova catástrofe.

Pola súa banda, outro dos participantes na xornada, o doutor en xeoloxía mariña e catedrático de estratigrafía Federico Vilas Martín, da Universidade de Vigo, considerou que foi un 'erro' a decisión das autoridades de afastar o petroleiro da costa galega e dixo ter 'enormes dúbidas sobre o custo de extracción' do fuel do pecio, mergullado a 3.800 metros de profundidade.

Na súa opinión, a extracción do fuel podería ser efectuada de maneira 'máis directa' cando aínda estaba na superficie nunha 'zona de abrigo controlada'.

Te puede interesar