O vicepresidente da Cámara amonestou tres veces ó expulsado, que bromeu con disfrazarse de sobre

Expulsado do pleno un deputado de AGE cando ironizaba coa 'corrupción' no PP

Os demais grupos da oposición saen en defensa do parlamentario sancionado e a presidenta do Parlamento avala a decisión de Santalices


O deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) David Fernández Calviño foi expulsado do pleno da Cámara autonómica cando aproveitaba a súa intervención na tribuna do hemiciclo para ironizar sobre a 'corrupción' no Partido Popular e despois de que recibise ata tres advertencias por parte do deputado do PP Miguel Santalices, quen exercía as funcións de presidente da Cámara neses momentos.

Fernández Calviño comezou a súa intervención cun queixa dirixida cara á Mesa do Parlamento por programar o pleno malia ser martes de Carnaval, unha festividade tan celebrada na súa circunscrición, Ourense. Despois de que Santalices lle recordase que os voceiros aprobaron este calendario, Calviño afirmou que 'chegou a formularse' non asistir, polo que entendía 'unha falta de respecto', unha crítica que fixo extensiva a todos os grupos parlamentarios, incluída a súa propia formación.

O parlamentario de AGE comezou, así, chanceando con que se lle ocorrera disfrazarse de 'sobre', pero asegurou que xa non quedaba ningún, porque 'resulta que o PP xa os comprara todos'.

Despois relatou que se quixo poñer un traxe de 'corrupto', momento no que xa o interrompeu Santalices, pero o parlamentario apelou á liberdade de expresión. 'Liberdade de expresión si, pero dentro dunha orde', replicoulle Miguel Santalices, mentres Calviño seguiu o seu discurso comentando -ironicamente- que chamara a (Francisco) Camps, quen lle dixo 'que non podía ser'.

Finalmente, e aínda que non puido rematar a súa argumentación, comezou a dicir que o intentou con Bárcenas, pero xa fora advertido dúas veces por Santalices, quen lle pediu que 'non o puxese na tesitura de ter que botalo' do pleno, o cal acontece á terceira advertencia.

Así as cousas, e tras achegarse ata o escano do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cun sobre na man, o deputado de AGE abandonou o hemiciclo segundo o previsto no Regulamento no caso de expulsión, despois de que llo comunicase Santalices.



ABANDONAN O HEMICICLO


A sanción ao parlamentario de AGE provocou a crítica do voceiro deste grupo, Xosé Manuel Beiras, quen en ton 'cordial' considerou que a aplicación da norma fora estrita e lamentou que non se puidese 'exercer o humor'.

'Se nos poñemos en plan represor eu vereime obrigado a deixar o pleno, porque esta actitude non vai na liña de chegar a acordos', sinalou Beiras despois de recordar que este martes comezaron novas normas parlamentarias.

Precisamente, nun debate anterior, Beiras suscitou a cuestión do Carnaval ata lamentar que non se respectase esta 'tradición' e se marcase o pleno para este día, e achegou un reproche velado aos populares, aos que acusou de estar 'permanentemente disfrazados'.

Os deputados de Alternativa Galega de Esquerda, con Beiras á cabeza, abandonaron os seus escanos a xeito de protesta, pero volveron ao hemiciclo para cumprir a súa obriga coas votacións.



DEFENSA DOS OUTROS GRUPOS


Os demais grupos da oposición saíron en defensa de David Fernández Calviño, criticando a dureza coa que se aplicou, ao seu xuízo, o regulamento do Parlamento; mentres que o deputado popular Jaime Castiñeira, aproveitando a súa intervención no debate, reivindicou que el acudía a traballar este martes de Carnaval orgulloso de facelo.

O voceiro parlamentario do PSdeG, Abel Losada, censurou que se producisen 'tres chamadas á orde en dous minutos', e mentres que se expulsou este deputado, dende as bancadas populares acusaban a Calviño de 'pallaso'.

Nunha intervención posterior, Losada puxo o acento en que, en realidade, o tema de fondo era a 'corrupción, que é un problema económico e social de primeira orde', e subliñou que a misión do presidente da Cámara é 'garantir a liberdade de expresión, máis alá de garantir a orde pública'.

O seu homólogo do BNG, Francisco Jorquera, acusou a Santalices de 'extralimitarse' e facer unha interpretación das normas 'esaxerada, rigorosa e autoritaria'. Tamén apelou a unha actitude 'máis flexible'.

Ademais, recordoulle que o presidente en funcións fixo un 'comentario de texto' á intervención do deputado Carlos Aymerich sobre o seu posicionamento político do Tribunal Constitucional que foi 'inapropiado' de quen exerce a Presidencia.



PILAR ROJO, D

Te puede interesar