NUMEROSOS ACTOS

Os galegos renden homenaxe á palabra no Día das súas Letras

Guitiriz, localidade natal do poeta Xosé María Díaz Castro, foi o centro das celebracións oficiais

A localidade natal do poeta Xosé María Díaz Castro converteuse onte, polo menos por unhas horas, na "capital do único mundo que interesa, o da palabra", segundo o criterio que expresou o presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, na sesión extraordinaria que celebrou a institución en Guitiriz para conmemorar o Día das Letras Galegas. Un pouco antes, no acto institucional convocado pola Xunta de Galicia nun colexio de Guitiriz (Lugo), o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que "ningún tempo pasado foi mellor" para o noso idioma, porque hoxe "é o que os galegos queren que sexa" e é un idioma vivo, dado que é "o pobo o que ten o timón" nunha Galicia que se converteu "nunha gran potencia de palabras".

A celebración institucional no colexio Lagostelle estivo precedida polo descubrimento dunha placa en honor a Díaz Castro no propio centro educativo e en presenza dos tres fillos do autor, José María, Iñigo e Maite Díaz Zubizarreta, afincados no País Vasco, e do seu neto Aitor. O acto, que se celebrou nunha abarrotada aula de música do colexio, comezou cunha bela interpretación por parte da fadista María do Ceo dun dos poemas de Díaz Castro, acompañada ao piano por Manuel Ramil, e rematou co canto do Himno de Galicia por parte de todos os presentes, entre os que destacaban os académicos e unha nutrida representación política.



Poesía universal

Entre os asistentes estaban o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez; a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo; e o delegado do Goberno, Samuel Juárez, sen esquencer ás autoridades locais, como o alcalde de Guitiriz, José María Teixido, quen tomou a palabra para lembrar que Díaz Castro saiu deste municipio para "gañar metas reservadas a moi poucos" e facer "universal" a súa poesía. Durante a súa intervención, Núñez Feijóo afirmou que "moitos consideraron periférico" ao autor homenaxeado este ano co gallo das Letras Galegas, porque "nin o seu nacemento, en Vilariño (Guitiriz), nin a súa profesión de tradutor, nin tampouco o seu carácter predestinaban a Xosé María Díaz Castro a ser unha figura senlleira".

Non obstante, ese destino deste home humilde somerxido nun profundo coñecemento das linguas, "que o conducía a ser un creador efémero", torceuse por unha forza máxica, a que superou eses condicionantes do autor de 'Nimbos' para convertelo "nun dos fachos da nosa lingua". "Esa forza son as súas palabras", dixo Feijóo, porque formaron un exército pacífico e incruento, que derrota as circunstancias adversas, cabalga por enriba do tempo e faise presente" neste 17 de maio, Día das Letras Galegas.

Ademais, proseguiu, nestes anos saltou dos libros ás pantallas, fíxose presente no audiovisual e, dende esta semana, ten o seu propio dominio na Rede, o dominio.gal "Na conciencia dos galegos, o galego non é só un monumento legado polo pasado, senón unha ferramenta coa que expresamos cousas que non se poden expresar en ningún outro código lingüístico", insistiu.

Pola súa banda, Alonso Montero afirmou que "no mapa da palabra, a capital do mundo está hoxe en Guitiriz", porque Galicia "ten como día maior", como "día máis grande de festa" o que dedica cada 17 de maio "á palabra". Fixo esta afirmación no transcurso da sesión extraordinaria que celebrou a Real Academia Galega (RAG) entre madeira e pedra do país, na segunda planta da restaurada Casa Habanera de Guitiriz, "construída co diñeiro que enviaron os galegos emigrados en Cuba", relatou Alonso Montero.

Ante deceas de persoas, Montero dixo que "Galicia é, quizais, un deses países que non ten par nin en Europa nin no mundo", porque adica "o seu día grande" á palabra, mentres outras nacións "grandes ou pequenas" conmemoran "case sempre feitos bélicos".

Te puede interesar