Galicia foxe do diferente e propón o común para conquistar o mercado xaponés de 18 millóns de turistas

     O lema turístico 'Spain is different', que tan eficaz resultou nos  anos 60 para atraer ao turismo a España, representa xustamente a  estratexia promocional contraria, baseada no ‘moito en común’, pola  que apostou a Consellería de Innovación para intentar facerse cun  anaco do inmenso pastel turístico que supón Xapón, cun mercado emisor  de 18 millóns de turistas ao ano, que non gustan da viaxe de  aventuras --no seu estilo de vida non ten lugar á improvisación-e  buscan ‘seguridade e tranquilidade’, como a que dá un destino no que  un se sinta como na casa.

     Consciente diso, unha delegación da Consellería de Innovación,  presidida polo seu titular, Fernando Blanco, realizou durante esta  semana unha intensa campaña de promoción en Tokyo, Kyoto e Wakayama  co obxecto de descubriles que, ao contrario do que puidese parecer,  son máis cousas que os achegan á comunidade galega que os separan.

    Así, teñen en común rutas de peregrinación; forte presencia do  culto relixioso, aínda que neste caso os templos e santuarios non son  cristiáns, senón siontoístas e budistas, capaz de atraer 1.500 ata 50  millóns de fieis; rías coa mesma denominación que as 'Baixas'; e un  importante sector e gastronomía pesqueira e marisquera.

     Fronte a estas similitudes, as diferenzas con Galicia agrándanse  en cuestións como a taxa de paro (3,7%); os soldos e pensións que non  baixan de 1.500 euros; e un TAV dende hai máis de 40 anos, coñecido  como o 'Tren Bala', a velocidade do cal a máis de 300 km/hora une os  500 quilómetros que separan Tokyo de Kyoto no mesmo tempo que un TRD  enlaza Vigo con A Coruña: dúas horas e media.

     En todo caso, as diferenzas están vinculadas esencialmente co seu  nivel económico, o que sitúa a Galicia nun destino óptimo para o seu  nivel adquisitivo e á comunidade ante un emisor desexado polo gasto  posible a desembolsar en territorio galego.

     Non obstante, e a pesar diso, só o 2% dos turistas que visitan  Galicia son xaponeses e a maior parte vinculados ao Camiño de  Santiago, que é ‘moi popular’ entre os xaponeses porque tamén contan  con dúas vías de peregrinación importantes: a de Kukai, con 88  templos, e a sintoista-budista de Kumano, que transcorre por 500  quilómetros da prefectura de Wakayama, que precisamente está  irmandada coa Xacobea por ser as dúas únicas rutas do mundo  declaradas Patrimonio da Humanidade.

  ‘GANCHO’ DO CAMIÑO DE SANTIAGO.

     Por estes motivos, Innovación admitiu que a promoción turística  utilizou a ruta como ‘gancho’ para atraer máis visitantes do país do  Sol Nacente ao resto da oferta turística coa que conta Galicia, coa  finalidade de ‘triplicar’ o número actual de visitantes de aquí ata  2010.

     Para iso, nesta viaxe estableceuse un acordo de colaboración coa  prefectura de Wakayama que incluirá actividades en ambos os dous  territorios para levar a cabo unha promoción conxunta que repercuta  tamén en máis presenza de galegos entre os 20.000 fieis anuais que a  percorren, fronte os máis de 110.000 do Camiño de Santiago en tan só  os seis primeiros meses de 2007.

     Con este mesmo obxectivo, lograron por parte da Liga de Cidades  Históricas do Mundo --da que forma parte Santiago e ten a súa sede en  Kyoto-o compromiso de celebrar unha convención en 2008 destas urbes  na cidade de Lugo. Ademais, a antiga capita imperial acollerá unha  exposición sobre o Camiño e a riqueza patrimonial e cultura de  Galicia, ao tempo que será a sede dunha convención internacional de  cociñeiros, á que están chamados a participar restauradores galegos.

  ‘IMPRESCINDIBLE’ CAMPAÑA EN JAPON.

     Todas estas accións foron dirixidas a ‘obter máis presenza neste  mercado emerxente para conseguir incrementar o número de turistas a  Galicia’, resumiu Fernando Blanco, quen considerou, tras concluír  esta campaña, que o ‘obxectivo se ‘cumpriu’, aínda que para iso viu  ‘imprescindible’ realizar esta promoción 'in situ'.

     Non en van, o propio ex alcalde de Kyoto e secretario da Liga de  Cidades Históricas do Mundo, Hisakazu Takagi, admitiu que a reunión  co conselleiro de Industria foi ‘moito máis interesante do que  esperaba’, aínda que precisamente e, todo o contrario do que  pretendía esta campaña das similitudes, o encontro serviu para  revelar unha diferenza amable entre Galicia e Xapón.

     Así, tras o encontro, este alto cargo contrapuxo a ‘proximidade,  humanidade e simpatía’ que asegurou descubrir no galego Fernando  Blanco fronte á ‘prepotencia’ dos políticos nipóns. ‘Vese que é moi  boa persoa’, resolveu, ao tempo que admitiu, no que se converteu na  anécdota da viaxe promocional, que non puidera evitar ‘collerlle  moito cariño’, a pesar das escasas dúas horas de encontro.

  SO CINCO DIAS DE VACACIONS.

     Non obstante, gañar este aprecio dos nipóns a base da proximidade  conta cun escollo importante que amplía a dificultade que supoñen, xa  por se sós, os 10.000 quilómetros de distancia de 15 horas mínimo de  voo: o sentido da eficiencia extrema dos xaponeses que os leva a  renegar de dez dos seus quince días oficiais de vacacións por  ‘solidariedade’ cos seus compañeiros, o que limita a xubilados e  estudantes os que poden viaxar a destinos tan afastados.

     En consecuencia, a maioría dos xaponeses coñecen Galicia,  exclusivamente case polo Camiño de Santiago, pero moi poucos poden  realizalo. ‘O primeiro que necesitaría para percorrelo, sería  xubilarme’, admitiu o vicegobernador de Wakayama, revelando así a  dificultade compartida co resto dos cidadáns nipóns polos escasos  días de asueto dos que gozan.

     Por iso, considerou necesario ‘máis facilidades’ de comunicación  que reduzan o número de horas de voo, xa que animar a gozar dos dez  días libres restantes é unha opción impensable para un pobo que  estuda reducir o mes de vacacións de verán dos escolares e volver  implantar clases os sábados, porque periga o liderado de Xapón na  Competición Mundial de Matemáticas.

 

Te puede interesar