Os pacientes da área sanitaria de Vigo e da Coruña son os que máis empregan esta ferramenta

Un millón de citas médicas por Internet

As peticións de cita médica a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde acadaron unha cifra de preto dun millón, concretamente foron 939.184 as citas médicas demandadas polas galegas e galegos ao longo do ano que vén de rematar. Ao comparar esta cifra co 2006, constatase que o aumento foi considerable, posto que nese ano as citas médicas pedidas pola poboación galega estaban en torno ás 579.000, é dicir un incremento superior ao 62 por cento, é dicir case 360.000 citas máis.
Segundo a evolución mes a mes, cada ano son máis as e os pacientes que adoptan a modalidade de solicitar a cita médica a través de Internet, fronte a outras fórmulas como pode ser o teléfono, ou dende o propio centro de saúde, pois nos doce meses de 2007 experimentouse un incremento respecto ao 2006. No que atinxe ás distintas áreas sanitarias, os datos reflicten que as e os pacientes da área sanitaria de Vigo son os que máis empregan esta ferramenta, xa que realizaron máis de 287.000 solicitudes en 2007, fronte ás máis de 184.000 de 2006.

As e os pacientes da área sanitaria de A Coruña son os segundos que mais citas médicas solicitaron, con máis de 183.000 solicitudes (máis 113.000 en 2006); seguido das e dos pacientes da área sanitaria de Santiago de Compostela, con máis de 132.000 citas solicitadas (máis de 83.000 en 2006). As e os pacientes de Lugo tamén están a incrementar considerablemente o uso desta ferramenta, realizando no 2007 un total de peticións superior ás 66.000, fronte ás máis de 36.000 no 2006.

Área de Ourense

El área de Ourense tivo unha cifra de peticións superior ás 93.000 no 2007 (máis de 57.000 no 2006); a de Ferrol tivo unha cantidade que superou no pasado ano as 68.000 citas (máis de 42.000 no 2006), e a de Pontevedra chegou a superar as 105.000 citas (máis de máis de 61.000 no 2006).

Á solicitude previa a través de Internet teñen acceso todas e todos os cidadáns que dispoñen de tarxeta sanitaria. Para iniciar este proceso, a usuaria ou usuario só debe entrar na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.galiciasaude.es ou www.sergas.es), e dirixirse ao apartado de Cita de Atención Primaria, onde debe introducir os datos da súa tarxeta e seleccionar o centro de saúde ao que pertence. Unha vez rematada esta operación debe indicar o motivo da consulta, e seleccionar o día e a hora de consulta desexada para cita. Entón, o sistema encárgase de realizar as comprobacións oportunas e de buscar unha data axeitada ás preferencias da ou do paciente.


Te puede interesar