Os pais de Doiras enfréntanse a sancións de ata 6.000 euros

A Consellería de Educación activou o protocolo de absentismo escolar que aplicará aos pais dos 18 alumnos do colexio de Doiras, en Cervantes (Lugo), que non acoden a clase para reivindicar a reposición do servizo de comedor no centro. En concreto, poderán ser sancionados con contías que oscilarán en 1.502,53 euros e 6.010,12 euros tras recordar o articulado que obriga á escolarización entre os 6 e 16 anos. Malia esta advertencia, os pais, que onte se concentraron ante o colexio, continuarán coa súa protesta e volverán facelo mañá ante o edificio administrativo da Xunta en Lugo.
Ademais, os proxenitores fixeron público un comunicado onde afirman que, no último día do pasado curso escolar, foron informados por responsables de Educación en Lugo que se continuaría prestando o servizo de cociña no colexio de Doiras. Posteriormente, o primeiro día de clase, puideron comprobar que o devandito compromiso 'non se cumpriu', xa que a comida se elabora 'en San Román (outro colexio do municipio)'. Por iso, piden que se cumpra o prometido.

Te puede interesar