Os pensionistas galegos pagan unha media de 3,86 euros/mes por medicamentos

Os pensionistas galegos pagan unha media mensual de 3,86 euros ao mes, o que supón 0,7 por cento dos seus ingresos, segundo informou nunha comisión parlamentaria o director xeral de Asistencia Sanitaria, Félix Rubial.
O representante de Sanidade respondeu neste sentido unha pregunta sobre o copagamento farmacéutico da deputada do BNG Montse Prado, quen criticou o sistema implantado en xullo de 2012 e dixo que supuña un 'repagamento', xa que os cidadáns pagan os medicamentos unha vez cos impostos e unha segunda coa taxa que lles é aplicada.

Alén diso, destacou que foron retirados máis de 400 medicamentos que antes estaban subvencionados, de maneira que 'se impón un imposto á saúde' polo que 'non pagan máis quen máis teñen, senón quen están máis doentes'.

Rubial explicou que as contribucións se realizan por nivel de renda, cun máximo mensual en cada tramo e exención de pagamento ás persoas con menos recursos, que cifrou en Galicia nunhas 100.000 persoas.

Resaltou que, ademais, co sistema informatizado de que dispón, Galicia é a única comunidade autónoma que estabelece automaticamente cando se chega ao tope, de maneira que os usuarios non adiantan diñeiro sobre o que lle corresponde en ningún caso.

O director xeral insistiu no carácter progresivo do pagamento e en que unha consecuencia do novo sistema é que se reducise a provisión de medicamentos, todo iso -subliñou- sen mingua da asistencia e o compromiso co paciente.

Sobre a afirmación concreta da deputada de que había persoas que renunciaban aos tratamentos polo seu custo, o portavoz da Consellería dixo rotundamente que o Sergas non ten constancia de ningún caso, sobre o que a parlamentaria insistiu en que non era así.

Concluíu que o novo modelo está orientado precisamente na dirección que defendeu a representante do Bloque, que pague máis quen máis ten, para que unhas 100.000 persoas con menos recursos non teñan que pagar nada.

Te puede interesar