Pontón abre a porta do BNG “máis cohesionado" para gañar a Xunta

0 99% da XVII Asemblea marca o obxectivo de ampliar a base social para pasar de liderar a oposición a gobernar Galicia

Cando unha asemblea do BNG comeza cun gran aplauso pedido pola portavoz nacional para a militancia e remata cunha ovación de volta para a muller que segue liderando a formación podería semellar que se trata do congreso do PP galego coa carteleira cambiada, máxime se as teses políticas son aprobadas polo 99% dos votos. "Pero no PP non habería tanto calor humano", corrixe sorrindo unha dirixente nacionalista ao escoitar a brincadeira entre xornalistas. "Estamos traballando cun sorriso nos beizos por outra Galiza", acababa de dicir Ana Pontón ao presentar a folla de ruta da décimo sétima asemblea que máis tarde sería respaldada por 3.000 militantes no Coliseum da Coruña.

Ana Pontón abriu a súa intervención pedindo "un aplauso para a militancia que se escoite en toda Galicia" e lembrando aos compañeiros falecidos dende a última asemblea, con especial mención a Bautista Álvarez. Tamén se referiu ao ambiente do anterior proceso e a "superación do escepticismo" que venceu "aos que nos citaban en pretérito e hoxe somos segunda forza política. Comezamos o ciclo dende a resistencia sen renunciar aos nosos principios e aquí está o BNG máis unido e cohesionado que nunca". Dende aquela sumou 1.400 novos militantes. "Fai cinco anos fomos conscientes de que había que tomar decisións audaces e valentes, facer un discurso claro, non ideoloxizado e poñendo as persoas e os servizos públicos no centro sin sucursalismos nin dependencias externas. Hoxe máis xente venos como alternativa e o obxectivo é chegar a maioría social porque o nacionalimo sempre tivo vocación maioritaria".

No Frontón da Coruña fundouse o BNG, 39 anos despois no Coliseum da mesma cidade inicia "un ciclo que ten por obxectivo ensanchar a base social para gobernar Galicia, avanzar nas eleccións municipais e acadar máis representación no Congreso e en Europa". Ana Pontón apuntou indirectamente aos desencantados con En Marea e aos que abandonaron a que era a casa común do nacionalismo detrás de Xosé Manuel Beiras en 2012. "Somos unha forza política coas mans libres, non temos que pedir permiso; así de simple pero así de revolucionario entre tanta submisión centralista". Aínda que para "facer historia, porque non nos poñemos límites", o BNG aparca as pretensións soberanistas para "espremer o actual Estatuto" dende a Xunta, "pero con vocación de ir a máis e conseguir para este país todas as ferramentas que permitan darlle unha vida mellor aos galegos".

ANXO QUINTANA E TÁBOAS

Xa no discurso de clausura e coas teses políticas e o informe de xestión aprobados polo 99% dos votos, Ana Pontón abundou en que "as nosas portas están abertas ás persoas que levan Galicia na cabeza e no corazón". Estas palabras recordaríanlle a Anxo Quintana, presente onte na asemblea logo de abandonar o BNG en 2016, o lema empregado na campaña á Xunta de 2009. Malia deixar a militancia, o exportavoz nacional e vicepresidente no Goberno bipartito sempre considerou a Pontón como a mellor baza para que o nacionalismo chegase á Xunta. Teresa Táboas, ex conselleira de Vivenda e Solo, tamén recuncou a unha asemblea despois de afastarse da formación. Entre os persoeiros máis recoñecidos estaban o escritor Suso de Toro e o político Camilo Nogueira.

“O BNG DO SI”

Ana Pontón ve na defensa do feminismo e no pulo da mocidade os chanzos polos que unha muller e nacionalista ascenderá por primeira vez ata a presidencia da Xunta de Galicia: "O PP está nervioso. Imos derrotar o non porque nós somos o BNG do si". 


“Comida, alegría... un festival"


No BNG hai arelas de máis, de máis militancia, de máis votos, de máis concelleiros para acadar alcaldías, de máis deputados para presidir a Xunta. "Hai moita alegría, estamos aquí comendo como se fose un festival", comentaba un militante ourensán na pausa para xantar. O ambiente que se vive cada 25 de xullo na Carballeira de Santa Susana en Santiago trasladouse onte ao Coliseum da Coruña onde se celebrou a asemblea que marca o rumbo da fronte. Os representantes das comarcas habilitaron un espazo no aparcadoiro soterrado para despachar comida popular. Tamén había furgonetas con bocadillos para que picaran os que non se anotaron ao xantar organizado. Autobuses, un día de sol, xente comendo e ambiente festivo tras os duros momentos pasados nas anteriores asembleas cando se falaba máis de frear o retroceso electoral que de coller impulso para conquistar San Caetano.

A asemblea do BNG contou coa presenza de represetantes da Esquerra, Junts per Catalunya, CUP, PNV, EH Bildu e Eusko Alkartasuna, entre outras formacións do Estado. Tamén con representantes de forzas internacionais como o Bloco de Esquerda portugués, o Partido Comunista de Portugal, Scottish National Party, Plaid Cymru de Gales, Alianza Libre Europea, Frente Polisario e o FPLP de Palestina, entre outros.

Te puede interesar