O BNG subliña que 'en Galicia hai 7.000 persoas que se apelidan Feijóo e só tres Feixóo'

O PP rexeita unha iniciativa para galeguizar a onomástica

Bieito Lobeira, na súa intervención para explicar a proposta do BNG. (Foto: LAVANDEIRA)
O Parlamento galego rexeitou onte cos votos do PPdeG unha proposición de lei do BNG, apoiada polo PSdeG, para axilizar o cambio ao galego da onomástica galega daquelas persoas que 'libremente' o queiran facer.
O deputado do BNG Bieito Lobeira criticou que moitos nomes propios galegos actuais, de persoas ou de lugares non sufriron unha evolución 'natural', senón que a súa forma actual é froito 'dunha imposición, dunha deturpación e dunha bárbara españolización'. Deste xeito, Lobeira citou como exemplo os apelidos de moitos deputados da Cámara que manteñen unha forma castelanizada, que na maior parte dos casos non quere dicir nada e que, porén, poderían ser restituídos á súa 'forma orixinal, non deturpada'.

Entre estes exemplos indicou que Feijóo, en alusión ao apelido do presidente galego, 'non significa nada' en castelán, xa que a tradución da súa forma orixinal galega 'Feixóo' debería ser 'frijol ou haba'. Porén, lamentou, existen en Galicia case 7.000 persoas que se apelidan Feijóo e só tres que se apelidan Feixóo, o que supón un risco de desaparición do patrimonio galego, dixo.


'INICIATIVA BALEIRA'

Segundo indicou o deputado do PPdeG Agustín Baamonde, a proposición de lei do BNG é 'unha volta de torca á teoría da imposición e á vella obsesión da nación monolingüe en galego'. Na súa opinión, xa hai leis que garanten o que demanda o deputado do BNG na súa proposta, polo que a cualificou de 'iniciativa baleira'. 'O problema do galego hoxe en día é o maniqueísmo do BNG, que fai que moitas persoas que querendo o galego non toleran a apropiación que fai del o nacionalismo', sinalou, polo que reiterou que a lei lle parecía 'inocua, inútil e inservíble'.

Para o deputado do PSdeG Francisco Cerviño, a proposta do BNG, a pesar de que o seu grupo votou a favor, é 'innecesaria' no momento actual xa que ten un 'ton equivocado'. En opinión de Cerviño, o futuro da lingua galega non se xoga en leis como esta, senón no ensino e combatendo as políticas 'extremas' da Xunta contra a lingua.

Te puede interesar