Queremos Galego convoca unha 'gran manifestación' contra Decreto do galego

A plataforma cidadá Queremos Galego convocou unha 'gran manifestación' para o próximo 27 de xaneiro en contra do Decreto do galego e polo cumprimento de catro recentes sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre este texto.
Representantes de Queremos Galego explicaron nunha conferencia de prensa o calendario de esixencia do cumprimento das resolucións do alto tribunal, sobre demandas presentadas pola Real Academia Galega (RAG), a CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) e a propia plataforma, que, en opinión desta, o seu cumprimento esixe a derrogación da norma, por 'ilegal'.

Ademais da presentación dun manifesto para conseguir sinaturas, Queremos Galego, integrada por máis de 700 entidades de diversos ámbitos, convocou tamén unha concentración en Santiago de Compostela perante a Xunta no próximo día 12 do mes 12 do ano 12 ás 12.00 horas, en que 'haberá sorpresas creativas'.

A coordinadora da plataforma, Susana Méndez, sinalou nunha conferencia de prensa que o Decreto 'debe ser derrogado na súa totalidade' e elaborar outro con base ao consenso anterior sobre o Plan de Normalización, que fora aprobado no seu día por unanimidade no Parlamento de Galicia.

Méndez denunciou 'a arrogancia e prepotencia' con que a Xunta acolleu as sentenzas referidas e considerou que o TSXG lle deu unha 'chamada de atención' ante o seu intento de 'erradicar a lingua galega do ensino'.

No mesmo sentido se manifestou o presidente da MNL, Carlos Callón, quen demandou o cumprimento da Lei e o Plan de Normalización, 'para que os nenos rematen todas as etapas educativas coa mesma competencia en galego que en castelán'.

Para Callón, o Decreto do galego non é só 'antipedagóxico', contrario á opinión da comunidade educativa e 'imposto sen diálogo', senón que agora ficou demostrado polo TSXG que 'é ilegal' e xa é un 'decreto zombi'.

O presidente da MNL cualificou de 'vergonza' que en Galicia 'só se é libre de escoller lingua se se escolle o castelán'.

Te puede interesar