Rueda abre a Semana Verde en Silleda, que cualifica de 'capital do comercio'

Foto: EFE
O conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, inaugurou hoxe a XXXIV Semana Verde de Galicia, que acolle deica o domingo o municipio pontevedrés de Silleda, e que cualificou de 'capital do comercio e do lecer galego'.

Rueda, que é tamén o presidente da Fundación Semana Verde, mostrou o seu desexo de que, igual que no ano pasado, 'Silleda e toda a comarca se poidan volver converter na cuarta cidade de Galicia' durante os próximos días, xa que os organizadores esperan que acudan unhas 100.000 persoas que calculan que visitaron a anterior edición.

Acompañado do seu colega, o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, Rueda asegurou que 'o segredo da Semana Verde non é só buscar negocio, senón tamén diversión e lecer', polo que expresou a súa esperanza de que o certame se converta nun escaparate multisectorial.

O titular de Presidencia observou que ese evento anual 'deixou de ser un punto de encontro simplemente profesional para ser visitado por miles de cidadáns' e loou a decisión de abrir a feira a máis sectores e ao público en xeral, unha fórmula instaurada desde que asumiu a xerencia desa fundación Paloma Hidalgo.

O presidente do padroado considerou que, a pesar dos problemas económicos dos últimos anos, o recinto debe ser capaz de superar esas dificultades e 'loitar contra a crise con imaxinación e afán de superación', dixo, xa que subliñou que se trata de instalacións que supón 'un luxo para Galicia'.

Por iso, opinou que ese espazo 'non debería ter como único obxectivo celebrar esta feira unha vez ao ano', senón 'aproveitar todo o seu potencial, atraer novas feiras e produtos', aínda que remarcou: 'A mellor maneira de demostrar que isto ten futuro é que esta feira sexa un éxito'.

Pola súa parte, Juárez destacou a Semana Verde como un 'escaparate de referencia do conxunto agrogandeiro' que permite 'mostrar as tendencias' e 'alcanzar acordos comerciais', como o que el mesmo presenciou, minutos antes da inauguración, entre a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias e a distribuidora alimentaria Vegalsa-Eroski para comercializar produtos hortícolas.

Ao acto de inauguración acudiu tamén o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, quen agradeceu o traballo de José Maril e de José Antonio Rueda -pai do conselleiro de Presidencia- no labor de instituír a Semana Verde hai agora trinta e catro anos.

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, que celebrou o seu primeiro acto oficial despois da toma de posesión como rexedora, tamén lembrou os impulsores da feira e expresou o 'orgullo' desa localidade por contar con ese certame.

As autoridades fixeron un percorrido polos diferentes postos da feira, que ocupa unha superficie de 56.450 metros cadrados, 1,2% máis que no ano pasado, cun total de 686 firmas expositoras procedentes de dezasete países.

Durante a xornada de hoxe e mañá celebraranse na feira varia reunións con apoio do instituto de promoción comercial Igape ás que prevén acudir 26 importadores e distribuidores de alimentación de doce países.

Durante toda a xornada están prevista catas de viños e licores galegos e degustacións, entre elas do cociñeiro Pepe Solla que propuxo unha combinación de aceite de oliva producida en Galicia con alimentos autóctonos.

A Semana Verde ofrece máis de 70 actividades diferentes, incluídas mostras de variedades de animais galegos, algunhas en perigo de extinción, diversos concursos de gando, e até concursos de beleza canina ou demostracións da destreza de cans e mostras de variedades de peixes e réptiles.

Te puede interesar