Sanidade asume a recomendación do Valedor sobre as oposicións

O valedor do pobo, Benigno López, recoñeceu onte 'incumprimentos' e 'irregularidades' en case todas as fases das oposicións ao Servizo Galego de Saúde (SERGAS) ao concluír, provisionalmente, a investigación aberta o maio pasado para aclarar os diferentes procesos selectivos de persoal.
Nun documento de prensa, o valedor do pobo sinala que a Consellaría de Sanidade aceptou a recomendación do comisionado de facer unha profunda revisión dos procedementos, 'unha medida agora en marcha e ante a que -afirma Benigno López- permanecerá vixiante'.

Esas 'irregularidades' e 'incumprimentos' observáronse, segundo o comisionado, na designación dos membros dos tribunais, nas causas de abstención destes, nas funcións e responsabilidades dos tribunais, nos procesos de elaboración dos contidos dos exames e nas actuacións do persoal colaborador do tribunal.

Tamén na custodia do contido dos exames, no proceso de impresión dos cuestionarios de preguntas, no proceso de impresión de grellas de respostas e no proceso de entrega por parte do tribunal da grella de respostas correctas, no proceso de corrección de exames e na análise e resolución das impugnacións.

Benigno López puido constatar na súa investigación que algúns aspirantes participaron como colaboradores nos procesos de oposicións cando son traballadores do cadro de persoal ou, de facto, da Dirección de Recursos Humanos do Sergas.

O valedor aspira coa investigación 'a preservar os procesos cuestionados dunha impugnación global', aínda que cre que 'resta por coñecer a posición dos tribunais respecto dos opositores implicados, que resulta de suma importancia para a preservación dos moitos opositores que concorreron aos procesos de forma lexítima.

Te puede interesar