Traballadores de Novacaixagalicia piden protexer a obra social e a participación da caixa no banco

Instan a buscar solucións que 'garantan a viabilidade dunha obra social ao servizo de Galicia' e o mantemento do emprego

A representación do persoal de Novacaixagalicia -a caixa que deu orixe a NCG Banco- manifestou este luns a súa 'preocupación polo futuro da obra social e do emprego' tras a reforma financeira aprobada a pasada semana polo Goberno central.

Nun comunicado emitido tras as 'decisións do Consello de Ministros do pasado venres, que obrigan a Novagalicia Banco a facer provisións por 1.109 millóns de euros e no que se abre a posibilidade de que se teña que recorrer a unha ampliación de capital', a representación do persoal de Novacaixagalicia pide que 'se adopten medidas que protexan o patrimonio da obra social' e a participación da caixa no banco, a cal consideran 'fundamental para garantir a viabilidade da obra social no futuro'.

Por iso, reclaman a 'implicación de todos os axentes', de Novagalicia Banco, 'especialmente da Xunta' e do consello de administración de Novacaixagalicia; para buscar solucións que 'garantan a viabilidade dunha obra social ao servizo de Galicia' así como o mantemento dos postos de traballo.

Por outra banda, no comunicado, redactado tras unha reunión celebrada en Santiago este luns, os representantes do equipo insisten na súa reclamación da 'devolución das indemnizacións por parte dos anteriores directivos das caixas' por consideralas 'excesivas', especialmente 'tendo en conta os resultados da xestión'.

Ademais, confían en que se cumpra o 'compromiso' do Goberno autonómico de tramitar no Parlamento a Lei de Fundacións Especiais 'dentro deste semestre' así como a renovación dos órganos de goberno de Novacaixagalicia. Sobre estes últimos, advirten de que 'teñen un custo inasumible' para a situación da entidade'.

Finalmente, o escrito, asinado polos sindicatos CIG, UGT, CC.OO., FSIE e ASCA, indica que as máis de 7.000 sinaturas de apoio recollidas 'en pouco tempo' nos centros que ten a obra social son testemuña do 'compromiso da cidadanía na defensa dunha institución máis necesaria que nunca, que poida seguir reinvertendo en benestar social, en cultura e en promoción do emprego'.

Te puede interesar