Vázquez acusa a Feijóo de ocultar informe de Consello de Contas sobre déficit

O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, acusou hoxe o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de ocultar un informe do Consello de Contas do ano 2010 en que, dixo, o Goberno galego 'manipula' o déficit.
Durante a sesión de control, Pachi Vázquez cuestionou a 'calidade democrática e a transparencia' da Xunta e criticou que das 144 peticións realizadas polo artigo 9 do Regulamento do Parlamento, por que os deputados teñen dereito a pedir e recibir información do Goberno galego, 'só atenderon oito'.

O líder do PSdeG indicou que a Xunta 'oculta elementos chave', como o citado informe do Consello de Contas, 'que ninguén sabe onde está'.

Núñez Feijóo asegurou que ese informe corresponde presentalo ao Consello de Contas e afirmou que o déficit de Galicia ou de calquera comunidade non o sinala nin o Goberno galego nin o organismo fiscalizador autonómico, senón que o fai 'o Ministerio de Facenda con datos do Eurostat sobre cuestións homologábeis'.

Por tanto, preguntouse, o déficit de Galicia é o que certificou Elena Salgado, cando estaba á fronte do Ministerio, o que certificou Cristóbal Montoro 'ou é o que vostede inventa?'.

Vázquez asegurou que 'o relato' de que presume o presidente galego consiste en 'sempre contar mentiras' e pediu a Núñez Feijóo que deixe de dar 'consellos' a Mariano Rajoy e que teña 'menos conto e máis verdades no Parlamento'.

Tamén criticou que 'ninguén' vise aínda a auditoría adxudicada 'a dedo' por 1,2 millóns de euros a KPMG coa que a Xunta avalou a fusión das caixas galegas, así como os supostos contratos coa Pemex.

O titular da Xunta asegurou que se perde 'co relato' de Pachi Vázquez, porque alude a numerosos temas diferentes e non sabe que quere que lle conteste.

'A verdade', berráronlle desde a oposición.

Núñez Feijóo asegurou que do punto de vista de calidade democrática a Xunta contestou 29.600 preguntas entre a pasada e a presente lexislatura, 'por 9.000' cando gobernaba o PSdeG e asegurou que é o presidente galego quen máis preguntas respondeu á oposición no Parlamento.

Te puede interesar