NOVO SERVIZO

As xefaturas de Tráfico galegas estrean o martes servizo de cita previa

Se fará obrigatorio a partir do día 10 para realizar calquera trámite relacionado con vehículos, condutores ou sancións

As xefaturas de Tráfico de Galicia estrearán o martes, 3 de xuño, o servizo de cita previa a través da internet, que se fará obrigatorio a partir do día 10 para realizar calquera trámite relacionado con vehículos, condutores ou sancións.

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) habilitou a súa páxina web e o teléfono 060 para que os cidadáns, que teñan que acudir nos próximos días a algunha das xefaturas provinciais e oficinas locais, poidan solicitar a súa cita desde o martes día 3, unha semana antes.

"É un paso máis na mellora de servizo que se lles ofrece, evitándolles esperas innecesarias, aforro de tempo e axilización dos trámites que teñen que realizar", segundo detallan desde o Ministerio do Interior nun comunicado.

A cita previa, que está "en liña coa reforma impulsada polo Goberno de achegar a Administración aos cidadáns", aplicarase en todas as xefaturas da DXT en Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Santiago.

Desde o Ministerio destacan que este novo servizo é "sinxelo e cómodo" e permite que os trámites os realice o interesado ou un representante coa posibilidade de pedir cita para os quince días seguintes e modificala.

Desde a posta en marcha deste servizo de cita previa na Xefatura Provincial de Sabadell en maio do ano pasado, a DXT está implantando este modelo de forma progresiva en todo o territorio nacional.

Te puede interesar