ECONOMÍA

A Xunta asegura que o crecemento do PIB confirma unha aceleración na economía galega

Facenda remarca que é o mellor comportamento en taxa interanual dende 2008 e o mellor trimestral dende 2007

A Consellería de Facenda asegura que o crecemento do Produto Interior Bruto de Galicia un 0,6% no segundo trimestre do ano confirma que se está a rexistrar "unha aceleración no crecemento da economía galega".

Ademais, remarca que supón "o mellor comportamento" en taxa interanual dende 2008, --cun crecemento do 1,8% neste segundo trimestre --, e "o mellor comportamento trimestral" dende 2007.

Nun comunicado, subliña que todos os sectores da economía galega "rexistraron taxas positivas de crecemento" neste segundo trimestre.

En particular, destaca "o comportamento do sector industrial, que recupera taxas positivas despois de varios trimestres ao alcanzar un crecemento interanual do 2,2%, aínda que na industria manufectureira o crecemento foi aínda maior, do 4,3%", precisa.

Dos datos de contabilidade trimestral, destaca "o bo comportamento das exportacións". Destas, subliña un crecemento do 4% en taxa interanual, "2,6 puntos máis que no primeiro trimestre".

CONSUMO FOGARES E MERCADO LABORAL

Por outra banda, remarca que o consumo dos fogares galegos "volva rexistrar unha evolución positiva" e que se manteña "en taxas superiores ao 2%". Na mesma liña, incide no crecemento do 7,2% na formación bruta de capital respecto ao mesmo trimestre do ano anterior.

"Ademais, a melloría no mercado laboral en Galicia ten efecto tamén nos postos de traballo equivalentes a tempo completo, un indicador que creceu un 1,2% en taxa interanual e que xa encadea catro trimestres consecutivos en positivo".

Todos os sectores rexistraron tamén un crecemento no segundo trimestre do ano. Así, na agricultura, silvicultura, gandaría e pesca foi do 0,4%; a industria, un 2,2%; a construción, un 4,2% e os servizos, un 1,6%.

Te puede interesar