A Xunta mostra a súa satisfacción pola liberación do empresario galego secuestrado en Venezuela

A Xunta mostrou este venres a súa satisfacción pola liberación do empresario galego Juan Soto, secuestrado o pasado domingo na localidade venezolana de El Junquito e que finalmente foi posto en liberdade na noite do xoves.
Así confirmou telefonicamente un dos fillos de Juan Soto ao secretario xeral de Emigración, Santiago Camba, con quen conversou en torno ás 8.30 horas deste venres -hora española-.

O fillo do secuestrado asegurou que Juan Soto se atopa 'razoablemente ben', tendo en conta o vivido nos últimos días, e agradeceu o 'amplo e discreto dispositivo' posto en marcha por Emigración 'ata chegar á feliz conclusión'.

Nesta liña, o departamento autonómico recordou que 'dende o primeiro momento se puxo a disposición da familia' e da colonia de galegos en Venezuela, para axudar 'en todo o posible'. 'En estreita colaboración coas autoridades españolas en Venezuela e das venezolanas en España, intentouse que a discreción e a velocidade fosen da man na resolución do acontecido', sinalou a Xunta.

Por outra banda, Emigración mostrou a súa preocupación pola 'inseguridade crecente' que vive Venezuela e tendeu a man á colectividade galega no país para facer 'o máis lixeira posible' esta 'mala conxuntura' na zona.

Te puede interesar