Alicia Viladomat escribe sobre "Pilar de Valderrama, memorias de un gran secreto"

Pilar Valderrama, escritora e dramaturga foi precursora do teatro de cámara, ademáis dunha xestora cultural pioneira e defensora dos dereitos da muller. Este libro escrito pola súa neta é o resultado do estudo do arquivo familiar

Xa se sabe: a estación do AVE de Segovia leva por nome Guiomar, en honor á musa  de Antonio Machado, a quen coñecera na que fora capital “non oficial” de Castela no tempo dos Trastamara (alén do Tamara, pois, ou sexa, o Tambre).

E o conto é que Guiomar ten nome e apelidos desde que Concha Espina, primeiro, despois Jorge Guillén, deran en identificala con Pilar Valderrama, a “Madonna del Pilar” do soneto machadiano. Don Antonio, louco de amor pola súa “diosa”. Un amor dese “terceiro mundo” do que os dous falaban nun interminable diálogo, epistolar, en cafés, xardíns, no medio dunha relación sumamente “branca” (como seica fora a de JRJ e Zenobia). Mais que sabe ninguén, que os poetas son os “fingidores” aqueles de Pessoa, e Valderrama escribía versos “aseaditos”, mellores os do seu fillo, morto no boureo da España que xogaba a sucidarse, con Antonio Machado morrendo en Collioure, partillando cámara mortuoria cunha nai aínda viva que preguntaba se faltaba moito para chegar a Sevilla.

E volvo a Pilar de Valderrama, á súa memoria de muller atormentada por un marido infiel a quen viña de se lle tirar a vida unha das súas amantes, e vai a Segovia, tentar curar a súa melancolía. Velaí Machado, catedrático de francés no instituto. E volvo agora través da súa neta Alicia Viladomat, con quen cadrei na Feira do Libro de Trujillo. E batín cun libro no que Viladomat nos fala das súas vivencias con Guiomar, personaxe ilustrado no Madrid da Xeración do 27, cando aquelas mulleres “sen sombreiro” que anseiaban esa liberación que axiña habería ser froito prohibido, para os uns e as outras. E, ao paso, Alicia Viladomat fala dela mesma, e fai ben. Mais a esencia deste volume, ben editado, como adoita, por Sial/ Pigmalión, é a nova publicación das memorias dunha muller que, un día, decidira ceibar un berro que semella un aturuxo: “Sí, soy Guiomar”, peza importante para entender a un  dos meirandes poetas de España. Quen, malia a escrita ás veces entre liñas, se deixa ver con esa ollada saudadosa interposta por esa muller que tanto o acompañara. Nun amor na néboa,  amplificada de máis a partir de xullo do 36. Guiomar e Antonio Machado de mar a mar. O do Levante español, o portugués. E no medio, España tráxica.

Te puede interesar