A biografía que reconstrúe a vida e lenda de Leopoldo María Panero

Leopoldo María Panero
photo_camera Leopoldo María Panero.

Leopoldo María Panero ocupa un espazo singular na poesía española contemporánea. Esta minuciosa biografía reconstrúe a súa vida e a súa lenda, que el mesmo cultivou e que deu pie a innumerables anécdotas

Paneros, falo dos poetas que tanto deran que falar a raíz da película El desencanto, hai cinco. O pai, Leopoldo, o irmán, Juan, e os fillos, Juan Luis, Leopoldo María e Michi. Ben que este último non se prodigara no territorio lírico (no épico-etílico, sen dúbida). Neste apartado, o dipsomaníaco, non o fixo mal ningún deles. Ora, nada máis parecido a un contubernio báquico que unha xuntanza de vates, dígase todo.Pero o certo é que de entre eles o máis coñecido segue a ser Leopoldo María. Con esa cousa, ese halo, de malditismo que dá aire e pulo a poetas que, de outra maneira, terían sido pouco máis que fume. Ollo; non digo que Panero fose o peor de aqueles “novísimos” de Castellet. Ana María Moix, Vicente Molina ou Félix de Azúa, un supoñer, sempre me parecieron un bluf. Leopoldo María, regular, menos que regular aínda cando perdera a técnica por mor da esquizofrenia.

En fin, mais por “cuco” (no niño de Ken Kessey e Milos Forman), excéntrico, porcallán (moitas das súas anécdotas son moi escatolóxicas), erótico, mais de categoría ruín, etc., Leopoldo María dá para unha biografía como esta que vén de publicar, correxida e medrada, agora en Anagrama, o galego, de Tomiño, J. Benito Fernández; un home afoutado, paciente e “fan”, quen de arracimar vida tan chea de entradas e saídas de frenopáticos e cárceres, cal o a de Lepoldo María.

Un home que retrata moi ben aquela xeración do tardofranquismo e a transición, cando as drogas e o alcool (non semella que o rock marcase a este Panero, si, Karina, paradoxalmente) subliñaban os rumbos políticos de ruptura. Polo demais, razóns poéticas á parte, LMP foi gurú dunha caterva que o seguía fanáticamente, e tal vin nun recital de Panero no C.M. San Juan Evangelista, no que o noso home recitara poemas de “La vieja”, dun xeito moi pavero, os argumentos a prol do protagonista do libro de J., Benito Fernández son tan erráticos como chamativos. O libro está ben escrito e ten aires de novela, entre a vangarda e a cousa bohemia aquela dos anos vinte. Que tan ben retratara Cansinos Assens. O que ten Leopoldo María Panero, un Buscarini, un Pedro Luis Gálvez, un Alejandro Sawa, sen Valle-Incán, pero si Jaime Chávarri para inmortalízalo. En “El desencanto”, lástima fora.

Te puede interesar