RABO DE NUBE

Alfonso Palomares ataca de novo

Alfonso Palomares cóntanos una historia de amor tráxica e infeliz ainda que fiel á verdade histórica

Unha vez máis a novela histórica é o obxectivo deste ourensán, de Calvos de Randín, que tanto ten vivido e traballado que tal semella que as súas vidas (si, en plural) non entran na lapela dun libro. Como este que teño diante miña e que devorei, literalmente, en dúas sesións. Que menos cando nos atopamos cunha escrita tan nidia e un concepto tan ben documentado cal os que Palomares prodiga: trátese de falar de Alxeria, Camus, unha das fraquezas de quen fora director da EFE e mil cousas máis, o Papa Formoso ou, para o caso, Abelardo e Eloísa.

A súa, a desta parella de galáns, unha das historias de amor, para quen acreditamos no peso do mundo (segundo o poeta “beat”, Allen Ginsberg), máis fascinantes e durísimas (¿que avatar amoroso, vivido a fondo, non o é?) que o pulo erótico producira. Para que o seu acontecer tomase vóo de altura tivo que se dar a emasculación do “poverello” Abelardo, logo de que o seu amor de altísimo voltaxe, con Eloísa fose de dominio público. E non se que antes deixase a esta embarazada dun fillo, quen levaría o nome marabilloso de Astrolabio, “procurador de estrelas” (tomen nota, en tempos no que as Carmes e Pilaras, Manolos e Pepiños andan a se bater en retirada, os neopais).

Naqueles tempos tan turbos para a Igrexa, ¿cal non?, con sabedora loita dialéctica entre Abelardo e Bernardo de Claraval; o primeiro ficou esnazquizado, e semipreso nun exilio conventual, o segundo non soamente acadou o santo e máis a peana, senón que foi o impulsor da orde cisterciense co que esta supuxo no noso Camiño de Santiago, senón que foi proclamado Doutor da Igrexa (e, naturalmente, santificado). Que así é como se escribe a historia. A maneira de Alfonso S. Palomares do máis gratificante. Porque, sen alterar os feitos, fai deles río cristaíño. Cal esa desventura amorosa; Eloísa, soterrada xunto a Abelardo, ¡lástima fora!, foi parar tamén nun convento. Onde, cóntanos Alfonso, nunca deixou de coidar no que vivira e gozara xunto de aquel home, orador excepcional e amante prodixioso. Que se non non se entende. E o autor ourensán transmíteo con palabra xusta e necesaria (como na misa, precisamente, que de amor e relixión é o de que vai o choio, como ben pode ser e no caso foi).

Te puede interesar