Con texto

Poesía rumana

20210518104042426_resultado
photo_camera Catalina Iliescu.
Catalina Iliescu, unha das principais valedoras da Literatura Rumana en España, reúne as voces de dezasete poetas rumanas nunha edición dotada dunha inusitada unidad lírica pese á diversidade de estilos e poéticas

Vaso Roto, editora hispano-mexicana que publica cun xeito cheo de estética (e ética), continúa con esa liña de poesía escrita por mulleres, pola que de momento teñen pasado poetas colombianas, españolas, mexicanas e portuguesas, baixo da denominación  de “Sombras”. Sempre dazasete donas; desta volta, rumanas, escolmadas e traducidas pola bulidora docente da Universidade de Alicante, que se chama Catalina Ionescu Gheorghiu. 

A edición de “Sombras, incendios y desvanes”, é bilingüe, e aínda estando o romanés próximo, marabillosa latinidade, ao galego e máis ao español, precisamente polos evidentes atrancos que diante nosa presenta (se non a temos estudado) a lingua de Mircea Eliade: políglota, así e todo, este gran filósofo, tal dualidade lingüística é moi útil para confrontar os poemas. Tamén para intuir o dominio do español de Ionescu Gheorghiu, mesmo a súa fluidez á hora de trasvasar un xénero tan difícimente traducible como é o poético. E a verdade que a poética destas dazasete autoras, que van de Judith Mészáros, a maior, a Andra Rotaru, a de menor idade, pasando por Iona Nicolaie, Adela Greceanu e Teodora Coman, as intermedias, resulta moi, moi estimulante. A partir, non nos enganemos, dese certo sotaque sombrío ao que nos ten afeitos o mellor cinema romanés dos últimos anos. Sobre todo o que recría o tempo da dictadura comunista que mudara aquela Rumanía deslumbrante, anterior á II Guerra Mundial, nun ermo policial e militarizado. 

Curiosamente estas mulleres apenas se refiren, nunca explícitamente, aos días aqueles de Ceausescu, mais fica a pegada. De maneira que non agardemos aquí brincadeiras, tampouco recursos pop (por máis que un dos libros da Mészaros, esa lenda en vida que ten desaparecido do mapa, leve por título chamativo “We all live in a yellow submarine”). Ora, quitando esa referencia e algunha outra a escritores (Italo Calvino) ou a intérpretes do citado cinema de Rumanía, non se trata  dunha poesía culturalista. Culta, sen dúbida, e moito. E vital, desde un fondo, xa se dixo, de sombras. Moi a ton, xa que logo, co título que irmana estas espléndidas antoloxías dunha das primeiras editoras “indies”, de México e España. E non só no referido á poesía.

Te puede interesar