Santiago Muñoz Machado e a súa visión de "Cervantes"

Santiago Muñoz propón unha intepretación panorámica da complexa figura, e a época, do autor de "Don Quijote de la mancha". A vida de Cervantes está contada partindo dos anacos de autobiografía que o escritor deixou nas súas obras

¿El logo, hainos pequenos? Non exactamente. O único que á beira do “Quixote” todo semella cativo. Os libros propios e os alleos. Pero eu falo da empresa grande, grande do actual director da RAE, Santiago Muñoz Machado, quen co seu “Cervantes” vén de magnificar aínda máis, a obra de Don Miguel, ao abarcala na súa totalidade (tamén de quen deron en ocuparse dela) e de paso a súa vida, tan descoñecida, tan chea de especulacións, Canavaggio chegou motexalo de homosexual; ¡que dirán de todos nós, miñasxoias, cando esteamos mortos!

Non, Muñoz Machado non pretende engadir nada novo, senón recapitular (verbo marabilloso que propoño para substituir o anglicismo “feed-back”) sobre canta materia escrita leva provocado o autor alcalaíno. E aquí si que non hai dúbida sobre as súas orixes, discutidas durante séculos. Hai, por certo, quen o quere facer galego (por Cervantes, por Saavedra), en esforzo semellante ao do que chamaba a Colón a Pontevedra, en fin.

O libro, monumental, de quen rexe hoxe a RAE, acompañado dun voluminoso, e ameno (que ninguèn se espante) aparato crítico, cunha chea de notas ben ilustrativas, fala de vidas (a de Cervantes, mais tamén de quen o arrodearon), do contexto histórico e literario, de folclore e relixión, de hábitos inquisitorais e mesmo da renartería (falar de hipocrisía é facelo de máis) precisada por Don Miguel para sobrevivir a un tempo inevitablemente duro, onde a fogueira brillaba e non precisamente para quentar aos cidadáns. Desta maneira o libro de Muñoz Machado, cáseque mil páxinas sabedoras e sabidas ficará como peza clave para un autor desaproveitado no cuarto centenario da primeira saída de “El caballero de la triste figura”. Non así o terceiro, ben cuberto polos Unamuno, Azorín, Navarro Ledesma e “tutti quanti” tiveron a ben ocuparse do feito. O cuarto, trapallada comercial de chilindradas, e pouco máis, O libro de Muñoz Machado vén cubrir mitas carencias, con rigor e un estilo moi donoso, como non podía ser menos diante dunha gloria da donosidade como, tamén, foi Don Miguel de Cervantes Saavedra, todo un privilexio especialmente para quen podemos lelo de primeira man. Quen lle dera ao manco maxitral poder ler este libro que o dignifica!

Te puede interesar