Un santo de culto obrigado

Este libro aborda un dos temas que obsesionaron a fascinante literatura de George Perec: A memoria

Non, non procuren no santoral, por máis que este santiño sexa un “autor de culto obrigado”, a San Xurxo Perec. Digo Xurxo e non Georges porque os santos e beatos, xa se sabe, perden o nome orixinal  a favor das equivalencias nativas. E sen Perec que sería de todos os escritores que facemos da memoria faiado cheo de tesouros (a metralla, mellor para a amnesia). E por certo que no libro que teño diante miña, traducido do francés ao español por Diego Guerrero, Perec atribúe o mérito do “Lémbrome” a un poeta americano chamado Joe Brainard, autor do “I Remember”.

O libro que traio aquí é un “caixón de xastre”, no que Perec (1938-1982), ou os seus exéxetas (o libro publicouse na versión orixinal morto xa o autor, en 1990), insire artigos, interviús, conferencias ou “ocorrencias” tan xeniais como a que pecha o libro, so do título “Algunas de las cosas que debería hacer en cualquier caso antes de morir”. De todas elas a que máis me presta é a de “emborracharme con Malcolm Lowry”. Lida, quero dicir, que o autor de “Baixo do volcán” tiña un viño, mellor, un metzal, pésimo, seica. Por suposto que o cerne deste manual son as lembranzas perecianas, certas ou inventadas, o poeta segue a ser decote o finxidor aquel de Pessoa, de maneira que memoria e soño (isto último tan apegado aos recordos) son parte fundamental dun libro escrito con pluma semilírica, ben verquida ao español por Guerrero.

Un libro, así e todo, para xente incondicional do autor de “La vida instrucciones de uso”, tamén editado por Anagrama, a obra grande dun autor grande, membro do grupo OuLiPo, serio de máis para que o tomen os que non o coñecen moi en serio, e non obstante que inmensidades hai neste autor; léase, neste volume, “Los lugares de una fuga” ou “Carta a Maurice Nadeau”, outro oulipiano, por certo. Inmensidades, digo, como a dese mar haddockiano, do Haddock, de Hergé, naturalmente, que agacha no seu fondo unha botella de ron. A que Georges Perec quería beber antes de morrer. Sa cadra chegou bébela. E nós con el neste libro, tan pequeno como sobranceiro que a algúns ben lles pode servir para abrir o apetito. A outros, os iniciados, para completar o menú, ben servido pola pluma eficacísima dun autor tan diferente que dá xenio.

Te puede interesar