Candidato singular

Bernardo Rodríguez, del PP de Verín: "Cando era pequeno dicía que de maior quería ser alcalde e axudar aos demais"

Bernardo Rodríguez na sede do PP.
photo_camera Bernardo Rodríguez na sede do PP de Verín.

Bernardo Rodríguez, aos 21 anos, forma parte da candidatura do Partido Popular en Verín para as próximas eleccións municipais 

Con tan só 21 anos, Bernardo Rodríguez Danoz (Verín, 2002) ten claro que a política é algo fundamental. Por iso estuda Dereito, Ciencia Política e Administración Pública en Madrid. Ademais, namorado do lugar no que naceu e se criou, decidiu sumarse ao proxecto do PP de Verín.

O seu perfil é moi peculiar, tan mozo e tan comprometido coa política.

É algo vocacional. Dende que teño uso de razón sempre tiven claro que a política e o servizo público cara os demais era unha das cousas que máis feliz me faría. Meus pais recórdanme que cando tiña 6 anos e alguén me preguntaba que quería ser de maior eu sempre dicía “alcalde, para axudar aos demais”, así que xa se podes facer á idea de ata onde se remonta a cousa.

Por que decide sumarse á candidatura do PP?

Decidín aceptar esta oportunidade que me foi brindada polo presidente do PP de Verín, Juan Manuel Jiménez, e o seu equipo porque sinto auténtica paixón e responsabilidade pola nosa vila, o noso Verín, ademais desa vocación política.

Que pode aportar a este proxecto?

Pois sobre todo ganas. Ganas de poñer aos mozos verineses no centro das políticas sociais e laborais; ganas de abrir Verín a España para captar empresas e inversións; ganas de rexuvenecer a política local, e de traer a voz da xuventude, dos traballadores e dos autónomos para entre todos conseguir que Verín volva a ser o lugar próspero que un día foi e do que hoxe apenas quedan as súas ruínas camufladas con enxeñosos graffitis e tapadas con grandes carteis que tratan de suplir a aplicación de políticas serias como as que aplicou o Partido Popular cando gobernou durante 17 anos.

Estuda en Madrid. Como ve o seu futuro?

Pois sinceramente, aínda que Madrid sexa unha auténtica pasada, gustaríame volver para a miña terra. A familia, os amigos, e os veciños de toda a vida “tiran” afectivamente dun. 

A xente da túa idade, a xente moza, que bota en falta?

O que botan en falta os meus achegados son cousas tanxibles e que saltan á vista: falta de emprego, necesidade de axudas ós autónomos, dinamización da burocracia municipal para dar licenzas e abrir negocios, creación dun área municipal encargada de
promover turisticamente Verín e da captación de inversións e empresas, e moitos outros aspectos.

Estes días teñen que ser intensos. Esperan bos resultados?

Si, dende logo que o están sendo e para min o dobre xa que estou indo e vindo no AVE en plena temporada de exames, pero estou ilusionado, centra e con ganas en ambos aspectos.Estamos convencidos de que o noso programa de goberno, feito coa axuda de técnicos e xente con experiencia como Lara Da Silva, a nosa candidata, e todo o traballo feito  farán que os veciños nos volvan a brindar a sua confianza. 

Te puede interesar