Jiménez Morán critica o custo do novo grupo de goberno de Verín

O portavoz popular en Verín afirma que os dous concelleiros en exclusiva cobrarán 6.000 euros máis cada un que o que tiña o PP

O portavoz do PP de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, asegurou que as dúas persoas con dedicación exclusiva do novo goberno PSdeG-BNG, que cobraban nas súas empresas ao redor de 1.100 euros, agora percibirán 2.355 euros ao mes en 14 pagas, o que supón un incremento de 140%. "Nós tiñamos un só concelleiro con dedicación exclusiva que cobraba brutos ao ano un total de 26.000 euros e agora os dous novos concelleiros cobrarán cada un a cifra de 32.970 euros, é dicir, 6.000 euros máis cada un do que cobraba o concelleiro de Deportes".

Jiménez Morán considera que “o lóxico sería que os concelleiros cobraran un soldo similar aos da súa empresa privada, así que rétoos a que traian as nóminas e as presenten, porque o custo do grupo de goberno xunto cos cargos de confianza será un 66% máis caro que o do goberno popular anterior”.

Nese sentido, refírese a que “criticaron por activa e pasiva, no referente á secretaria de prensa, este cargo”, subliñou, “por exemplo o PSOE decía que no actual momento de crise poderíase suprimir este posto de traballo xa que estas funcións sempre as fixeron os funcionarios do Concello". Tamén en relación ó BNG engadía que "decía que este posto debería facerse co persoal municipal e así aforrar o custo’”.

Jiménez Morán sinala que o novo goberno suprimiu o posto pero que o volveu a crear "e increméntalle o soldo á persoa encargada, cunha cantidade moi superior ao do grupo do Partido Popular”, indicou, “xa que a anterior persoa cobraba sobre 16.000 euros e o actual cobrará 21.538 euros, casi 6.000 euros máis ao ano”.

“Estou asustado porque nun momento de crise como no que estamos actualmente, todos os municipios de España adoptan medidas extraordinarias para aforrar no gasto público, reducir o déficit ou outras de caracter exemplar ante os cidadáns que están sufrindo máis, menos en Verín”, sentenciou o portavoz do Partido Popular.

Te puede interesar