CULTURA

O libro “Mudar o mundo” chega a Verín

photo_camera O autor Artur Alonso presenta en Verín o seu libro "Mudar o mundo"
O Concello de Verín organizou a cita, que se celebrou no salón de actos da Casa da Cultura verinesa

A Casa da Cultura de Verín acolleu este venres a presentación do libro “Mudar o mundo. Na procura dun novo paradigma para uma humanidade”, de Artur Alonso Novelhe. Unha cita que transcorreu baixo a premisa de “transformar o estado de guerra en que aínda habita a humanidade”. 

O libro trata sobre unha civilización que vive baixo a “errada interpretación -explicou o autor- da visión darwinista do dominio dos mellores adaptados ao medio", cun predominio da mente habilidosa e servidora do ego en detrimento dunha mente ética, ao servizo do ben común, da xustiza e a virtude, esquecendo as achegas de "Axuda Mutua" estudadas por Kropotkin. 

O autor

Artur Alonso Novelhe naceu na cidade de México o 21 de xuño de 1964. Participou no Comité de Solidariedade coa América Latina e na Asociación Galega da Lingua. Exdirector do Instituto Galego de Estudos Internacionais e da Paz, integra o Consello Consultivo do Movemento Internacional Lusófono e o Grupo dos Poetas Vivos da Galiza, entre outras entidades. 

Recibiu o XVIII Premio de Poesía “ Feliciano Rolán”, en 2004, na cidade galega da Guarda. Obtivo unha Mención especial do Xurado no XXVI Premio Mundial de Poesía Nosside, en 2010. Colabora en diversas publicacións e ten varios libros publicados: de poesía, teatro, prosa e ensaio.

Te puede interesar