A obra "Cruseiros e Petos" chega a Verín

A cita é este xoves ás 20,00 horas na Casa da Cultura de Verín

O salón de actos da Casa da Cultura do Concello de Verín acolle este xoves, ás 20,00 horas, a presentación do libro “Cruseiros e Petos” de Bruno Rúa, un veciño da comarca. Tras unha tempada sen un programa cultural debido á incidencia do coronavirus -Verín onte presentaba 319 casos activos-, o Concello volve recuperar as presentacións, neste caso comezando coa dun libro neste espazo municipal.

A obra é o cuarto libro da colección Taboada Chivite de Patrimonio e está adicado a un dos elementos máis significativos da cultura popular galega: os cruceiros e os petos  de ánimas, monumentos que tanto recollen elementos de tradición oral como estéticas de cultura académica, como poden ser os cruceiros de San Cibrao (Oímbra) ou Medeiros (Monterrei), ou o excelente peto de A Xironda (Cualedro).

Como todos os libros da colección Taboada Chivite de Patrimonio, intenta amosar unha foto fixa do estado actual de todos eses monumentos, sen deixar de lado a tradición oral en forma de lendas, ademais de facer fincapé na importancia esencial das encrucilladas dentro das costumes e crenzas populares, incluíndo a Santa Compaña ou a filiación destes monumentos singulares dentro da evolución das moi galaicas aras aos Lares Viales, os deuses protectores dos camiños e os camiñantes.

Te puede interesar