Verín limpa 480.000 metros cadrados ao carón do río Támega

210701PLAN LIMPEZA RIO ZONAS VERDES_ PARQUE PREGUIZA_1
photo_camera O parque da Preguiza a vista de dron. (Foto: cedida).
Rematada esta primeira fase, a segunda será executada a partir de setembro, limpando as ribeiras do Támega ata a fronteira con Portugal

O Concello de Verín vén de rematar a primeira fase do plan especial de limpeza e desbroce das marxes do río Támega, que abarcou os tramos comprendidos desde a ponte de Pazos ata a nova ponte en construción situada en Queizás, e entre a área recreativa de Tintores e a ponte da N-525 ao seu paso por Verín. 

Así, acondicionáronse un total de 480.000 metros cadrados de espazo fluvial, que buscan a mellora da vexetación de ribeira do río Támega mediante a reitrada de árbores mortas do seu leito, retirada de vexetación invasora e desbroce selectivo en ambas as marxes.

Esta primeira fase contou cun investimento de 111.492 euros e estivo dividida en tres intervencións. Unha primeira execución que abarcou dende a ponte de Pazos ata a nova ponte en execución de Queizás, no paraxe de O Pracer. Unha segunda parte na que se acondicionaron os terreos da marxe do río que abranguen desde o camiño de San Lázaro á Preguiza, e por último, a recén rematada labor de limpeza e desbroce na nova zona verde de A Preguiza, na ribeira verinesa de vilela e en ambas marxes fluviais da área recreativa de Tintores.

Gerardo Seoane, alcalde de Verín, explica que "a segunda fase, que será executada a partir de setembro, limpará as ribeiras do Támega ata a fronteira con Portugal, dotando a vila de Verín dun extenso e fermoso corredor fluvial". 

Segundo Seoane, o obxectivo principal deste plan é acondicionar os espazos fluviais do río Támega para o seu aproveitamento e goce da cidadanía, sempre preservando as súas funcións ambientais e cauce ecolóxico: "Sempre por suposto, respectando en perfecto estado a biodiversidade, tanto do propio río como da zona as súas ribeiras", para o que o Concello conta cos permisos correspondentes dos organismos competentes -Consellería de Medio Ambiente e Confederación Hidrográfica do Douro- para realizar esta actuación.

Ademais, o Concello de Verín adquiriu na Preguiza, por 20.000 euros, unha superficie de 20.000 metros cadrados, que se suman aos 45.000 xa existentes do novo parque da Preguiza. Así o explicou o rexidor municipal, que asegura que "está proxectado que ao longo deste ano, sumemos os 25 mil metros cadrados restantes do que será, xunto con Fontenova, o segundo pulmón verde da nosa vila, cunha extensión total de 90.000 metros cadrados".

Reestruturación e saneamento 

Esta actuación forma parte do Plan Integral de Reestruturación e Saneamento de Verín, deseñado polo Concello, e que está destinado a completar o correcto funcionamento do ciclo da auga do río Támega ao seu paso pola vila, que suporá un investimento total de 400.000 euros.

O proxecto divídese en tres grandes actuacións: accións de limpeza e desbroce das ribeiras do río Támega, mellora do saneamento hídrico ao seu paso pola zona urbana, e saneamento nas aldeas que conforman o municipio. 

Te puede interesar