CULTURA

Verín proxectará os filmes gañadores dos premios Mestre Mateo

casa da cultura verín (c.c.)
photo_camera Entrada da Casa da Cultura de Verín. (Foto: C.C.).
A primeira cita será este venres coa proxección do documental "O Gran Camiño"

O Concello de Verín vén de sumarse ao ciclo Mestre Mateo, un circuíto de cinema galego impulsado pola Academia Galega do Audioviusal co apoio da Deputación de Ourense, a de Pontevedra, a área de Cultura da Deputación da Coruña e a vicepresidencia da Deputación de Lugo, dirixido aos concellos e vilas que desexen incluír na súa oferta cultural o máis destacado do audiovisual galego actual.

A primeira cita será este venres, 8 de abril, ás 19,00 horas, coa proxección do documental "O Gran Camiño" no salón de actos da Casa da Cultura de Verín, lugar no que terán lugar todas as exhibicións programadas no marco desta iniciativa. 

"O Gran Camiño" inicia este ciclo -que se prolongará ata novembro cun filme ao mes, exceptuando xullo e agosto e será gratuíto- e foi votado como mellor documental dos XX Premios Mestre Mateo. É un filme narrado en primeira persoa por Alba e Raúl, dous cineastas que deciden cargar as cámaras nas súas mochilas para emprender unha aventura de miles de quilómetros polas grandes rutas a pé do mundo.

Cartel A3
Cartel do documental.

O Pacific Crest Trail, un dos sendeiros máis extremos dos Estadous Unidos; o misterioso Camiño Inca a Machu Picchu; a ancestral ruta do Kumano Kodo entre grandes templos xaponeses, ou o europeo Camiño de Santiago. Unha viaxe máis profunda ao encontro da xente dos camiños, cos que se tratan temas universais como as fronteiras, o amor e o sacrificio pola familia, os conflictos sociais, a espiritualidade, o coidado do noso planeta, a conexión coa Pachamama, ou o regreso a un mesmo.

Ciclo Mestre Mateo

A programación do ciclo Mestre Mateo ofertada está composta polas películas finalistas nos Mestre Mateo, os premios do audivisual galego, uns galardóns que destacan as obras de maior calidade na produción audioviusal do ano, organizados tamén pola Academia Galega do Audiovisual.

O obxectivo principal da iniciativa é achegar o audiovisual galego aos concellos, vilas e centros galegos do exterior aos que habitualmente non chegan as producións que participan nos premios Mestre Mateo. Tamén buscan faciliar o acceso da cidadanía a unha programación cultural de calidade con produción galega e favorecer o achegamento á nosa cultura e o noso idioma a través do audiovisual.

Te puede interesar