A festa, declarada de Interese Turístico Nacional, prolongarase ata o 13 de marzo coa piñata

O xoves de compadres abre o ciclo do Entroido en Verín

Víctor Manuel Baladrón e Juan Manuel Jiménez. (Foto: MARCOS ATRIO)
Os veciños de Verín ultiman nestes días os preparativos para celebrar o Entroido, que se porá en marcha o vindeiro día 24 de febreiro prolongándose ata o 13 de marzo, e que onte foi presentado polo alcalde, Juan Manuel Jiménez Morán, e o concelleiro de Festexos, Víctor Manuel Baladrón.
Trátase dun dos Entroidos máis participativos, ancestrais e orixinais de Galicia, declarado Festa de Interese Turístico Nacional desde o ano 2009. Tras a primeira saída dos cigarróns no día de San Antón, empeza a festa o Xoves de Compadres (24 de febreiro). Despois de cear nos restaurantes do municipio e a partir da media noite, os homes e mozos percorrerán as principais rúas ata a praza García Barbón, na que se celebrará o xuizo e queima do Maragato. Durante esta viaxe, os compadres irán acompañados do Carro do Meco e da música da Banda de Gaitas do Concello de Verín e da charanga Támega, para acabar a troula na praza coa Disco-Móvil Jorge.

O Domingo Corredoiro (27 de febreiro), os cigarrons concentraranse na práza do Concello a partir das 11,30 horas. Con posterioridade, saúdo aos fregueses á saída da igrexa parroquial. Nas prazas Maior e García Barbón, as charangas serán as encargadas da música.

O Xoves de Comadres (3 de marzo) as mulleres serán as protagonistas pola noite coa asistencia masiva ós restaurantes da vila, segundo manda a tradición. O programa festivo segue o Venres de Compadres coa saída ás 18,00 horas dos Escuadróns de Capuchóns e Mascaritas, acompañados polos Carros do Compadreo e das charangas Garrafón e Támega. O día seguinte celebrarase un acto de incorporación dos novos cigarróns, mentras que para o domingo, o día grande do Entroido, está previsto o gran desfile a partir das 12,30 horas.

Os nenos participarán disfrazados no Luns Fareleiro, no que se continuará coa mesma animación musical nas rúas e prazas. O martes, será o segundo desfile ó que tampouco faltarán o cigarróns, ás 16,00 horas. Xa o Domingo de Piñata (13 de marzo) rematará a festa cun gran baile popular.

Te puede interesar