O alcalde carballiñés manterá contactos o mércores en Oberhausen

2.000 internautas citan a 'Paul' para o 8 de agosto

Un pulpeiro saca un pulpo xa cocido.
Os xóvenes carballiñeses tamén reclaman a presenza de 'Paul', o pulpo adiviño do Mundial de Fútbol, na celebración gastronómica do vindeiro 8 de agosto. O grupo 'Queremos a Paul no Carballiño o día da festa do pulpo', promovido en internet polas Xuventudes Socialistas, conqueriu que máis de 2.000 persoas se unan para solicitar do Concello de Oberhausen e da empresa 'Sea Life', propietaria do acuario que garda ó cefalópodo, que 'Paul' esté no Carballiño na data sinalada.
O colectivo de internautas, creado nas redes sociais Facebook e Tuenti, 'sumaron no curto periodo de catro días case 2.000 persoas que apoian a viaxe do pulpo alemán dende Oberhausen a nosa vila, e na actualidade xa superamos esa cifra que confiamos aínda medere', indicou Juan José Nogueira, secretario da Agrupación Local de Xuventudes Socialistas do Carballiño'. E engade que 'o noso obxectivo é que Paul, recén nomeado amigo predilecto do municipio polos voceiros da Corporación, poida estar na vila na Festa do Pulpo, que penso ten que ser recoñecida internacionalmente con Paul nomeado mascota oficial do festexo'.

Juan José Nogueira apunta que 'xa é un referente dentro da especie dos cepalópodos e non entende de cores e ideoloxías, igual cos nosos veciños'. As negociacións para o traslado de 'Paul' á vila do Arenteiro centraranse na data do vindeiro mércores, en Oberhausen, onde haberá, ás 11.00 horas, unha xuntanza entre os alcaldes da localidade xermana e do Carballiño, Carlos Montes, que acudirá acompañado por Manuel Pazo, o empresario promotor desta iniciativa, co propietario do acuario 'Sea Life Centre', que acolle a 'Paul'.

A expedición carballiñesa partirá o martes cara ó aeroporto de Düsseldorf, cidade situada a 30 quilómetros de Oberhausen, para logo retornar a Galicia na noite do día seguinte. Outra data sinalada no almanaque é a de mañá, luns, coa presentación oficial da 'Festa do Pulpo' no Mosteiro de Oseira, ó cal está adicada esta edición, que acada o número 48. O acto realizarase na biblioteca e nun claustro do cenobio, e contará coa cobertura de diferentes medios de comunicación, entre eles un xornal deportivo de Suiza.

Te puede interesar