Cinco agrupacións participarán no Festival de Habaneras do Orfeón carballiñés

O Auditorio municipal da vila do Arenteiro acollerá o vindeiro 18 de xullo o ‘Festival de habaneras’ que dende hai 16 anos organiza o Orfeón do Carballiño, coa colaboración do Concello, a Deputación provincial e a Xunta, cun orzamento superior ós 11.000 euros.
O presidente da agrupación polifónica anfitriona, Emilio Rodríguez, sinalou que ‘nesta edición temos como invitadas a Coral rondalla ‘O Castro’ de Baión, Pontevedra; o Orfeón ‘Santa Teresa’, de Guadalajara (A Mancha); o coro ‘San Xulián de Laíño’ e a Rondalla de Cariño, estas dúas de A Coruña’.

Cada un dos grupos participantes interpretará tres habaneras no escenario do Auditorio, a partires das oito e media da tarde, nunha actividade incluida na programación do Verán Cultural promovido polo Concello carballiñés. O director do Orfeón, Xosé Luis Reza Cabano, adiantou que ‘coma tódolos anos, imos rendir homenaxe a un persoeiro vencellado ó mundo da polifonía, neste caso, o profesor Xosé Francisco Martínez Reboiras, un dos defensores da lingua galega como ferramenta para o canto popular e tamén relixioso’.

Reza Cabano apuntou que ‘Martínez Reboiras comezou a fundar corais infantís en Santiago e O Ferrol, e tamén o coro de Laíño que estará no noso festival, ademais de escribir un libro de composicións en galego con máis de 300 partituras, moi coñecidas a nivel das agrupacións polifónicas das catro provincias’.

Te puede interesar