Seis establecementos de hostelería do casco histórico de Flores e a Concellería de Turismo do Carballiño promoven dende a noite do vindeiro martes a celebración da festa de San Xoán.
A primeira cita será ás 21.00 horas cun reclamo gastronómico integrado por sardiñas, chourizos, pan e viño ó prezo de tres euros, para continuar cunha singular procesión da Santa Compaña, meigas, o home-lobo e outros seres das noites máxicas.
O lume terá o seu protagonismo a partires da medianoite, co acendido das fogueiras e dunha queimada de 25 litros de augardente, que poderán degustar gratis tódolos asistentes.