Un taller de emprego comezará en decembro os traballos, cun orzamento de 224.000 euros

Beariz recuperará sendeiros nos ríos con fins turísticos

Ambiente comercial na feira de Muradás. (Foto: Arquivo)
Un total de 18 persoas desempregadas maiores de 25 anos serán seleccionadas para participar no primeiro taller de emprego do Concello de Beariz, que foi concedido recentemente pola Xunta. Cun orzamento de 224.312 euros, dos cales 9.065 euros sairán das arcas municipais, os alumnos centraranse durante seis meses no acondicionamento de sendeiros e pontes nos ríos do municipio.
O alcalde, Manuel Prado, sinala que 'o obxectivo é mellorar os recursos naturais que posúe o noso municipio para que se convertan en atractivo para os nosos visitantes'. Así, tra-la recuperación, hai seis anos, da 'feira do 19' de Muradás, e a consolidación da festa gastronómica do porco celta, que xa acadou a súa cuarta edición, o taller laboral adicarase á limpeza de sendeiros no regato de Pontepedriña ata súa desembocadura no río Beariz, no contorno da igrexa parroquial, 'unha antiga zona de baño e de recreo para os veciños'.

As actuacións extenderanse ó río que discurre entre Lebozán e A Ermida, e ó río Verdugo, na localidade de Ricovanca, onde se levará a cabo a limpeza do muíño e do canal de auga deste. O proxecto tamén contempla desbroces en tramos dos regatos de Correa e Arnelas, e unha limpeza integral da praia fluvial de Doade.

Te puede interesar