Benestar defende o traslado por obras dos maiores da residencia

O traslado ó centro xeriátrico de Cabeza de Vaca dos aloxados na Residencia do Maior do Carballiño polas obras de reforma do edificio, foi defendida pola Consellería de Benestar, negando calquer tipo de ‘privatización’.
Os responsables da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta rexeitan as manifestacións efectuadas por membros da Confederación Intersindical Galega (CIG) ó respecto do traslado dos aloxados na Residencia do Maior do Carballiño, debido ós traballos de acondicionamento do edificio, situado en O Cornuval.

Os voceiros sindicais calificaron de ‘intento de privatización dos servizos públicos’ que os maiores sexan reubicados na residencia xeriátrica de Cabeza de Vaca, ó considerar que elo vai supoñer que a xestión da atención os residentes vai ser adxudicada pola consellería a unha empresa do ámbito privado.

Nembargantes, fontes do departamento autonómico indicaron que ‘a residencia de Cabeza de Vaca, ubicada no municipio de Barbadás, é de titularidade da Xunta, e escolleuse como solución máis achegada ó Carballiño, unha vez desbotada a posibilidade de utilizar a Resi dencia de Tempo Libre que tamén posúe a consellería na vila do Arenteiro’. As mesmas fontes engaden que ‘o persoal que vai traballar no centro xeriátrico de Barbadás é o mesmo que desempeña as súas tarefas no Carballiño, e ademais váiselle compensar os desprazamentos a aqueles traballadores que o precisen’.

Proxecto

As obras na Residencia do Maior comezarán no prazo aproximado dun mes, e consistirán na impermeabilización de cubertas, ampliación de portas de acceso ós aseos e a apertura de tódalas habitacións ó exterior. Deste xeito, os 40 residentes actuais serán trasladados a Cabeza de Vaca mentres se leven a cabo estes traballos, que rematarán a finais do verán segundo as previsións de Benestar. O proxecto contempla tamén a construcción dunha nova residencia para 88 persoas dependentes, cuxa execución xa está bastante avanzada, cun orzamento global que supera os seis millóns de euros. Este novo centro suporá a creación de máis dun cento de postos de traballo.


Te puede interesar