O BNG propón ubicar o centro de saúde fronte á estación de tren de Carballiño

Este espazo comprendería os os terreos situados entre as rúas Vicente Risco, rúa Eladio Rodríguez González, a rúa Ourense e a Avenida 25 de xullo

A portavoz municipal do BNG do Carballiño, Sofía García, fai unha proposta ao Concello para a ubicación do novo Centro Integral de Saúde, sinalando aos terreos situados fronte da estación de ferrocarril de Renfe.

O espazo proposto polos nacionalistas comprendería os terreos situados entre as rúas Vicente Risco, rúa Eladio Rodríguez González, a rúa Ourense e a Avenida 25 de xullo. Este terreo está constituído por varias parcelas que suman 6.000 metros cadrados,  satisfacendo a demanda da Consellería de Sanidade ao alcalde do Carballiño, segundo sinala a concelleira.  

Engade que estes terreos garanten un bo acceso tanto para peóns como para vehículos; ademais, a súa  proximidade á estación de tren, que vai albergar a futura intermodal, onde estacionarán os autobuses, garanten unha boa conexión para a veciñanza da contorna, indicou García, e, sobre todo, un bo espazo para xestionar os servizos médicos de emerxencia.

“Entendemos que as ambulancias, como os helicópteros, teñen que ter unha vía rápida de entrada e saída para atender urxencias, pois aparte de centro de saúde, este centro tamén é un PAC” , matiza Sofía García. A localización, insiste en que é estratéxica pola súa comunicación coa AG-54, permitindo unha conexión terrestre moi rápida co Hospital de Ourense e co Hospital de Vigo, e ademais da conexión coa AG-53.

Te puede interesar