Boborás remite a Xunta o acordo provisional do plan urbanístico

A Corporación municipal de Boborás aprobou inicialmente o pasado venres o Plan Xeral de Ordenación (PXOM), unha vez introducidas as modificacións contempladas pola Xunta na nova Lei de Ordenación Urbanística de Galicia (LOUGA).
Neste sentido, o alcalde do municipio, Cipriano Caamaño, lembra que 'nós xa tiñamos aprobado o plan en sesión plenaria, pero tivemos que encargar un estudio de impacto medioambiental que está contemplado na vixente normativa e incorporalo ó correspondente expediente'.

O rexedor 'popular' sinala que 'agora remitimos á Dirección Xeral de Urbanismo o novo acordo plenario, e confiamos en que non haxa ningún tipo de problemas para a súa avaliación positiva por parte dos técnicos deste departamento, xa que a meirande parte das alegacións prantexadas polos cidadáns de Boborás foi asumida polo Concello'.

No mesmo pleno, de carácter extraordinario, tomou posesión como concelleiro Avelino Prado Martínez, que sustitúe no equipo municipal de goberno á edil 'popular' Rocío Rodríguez, que deixou o seu posto o pasado mes de marzo por motivos persoais. Avelino Prado estivo na Corporación baixo as siglas de AP e PP (1979-1999), Nacionalistas de Galicia (1999-2003) e, de novo, no PP (2003-2007).

Te puede interesar