O Casino acolleu a presentación do libro adicado a don Evaristo Vaamonde

Os carballiñeses lembran con nostalxia ó párroco que ideou o templo de A Veracruz

Sieiro (de pé), Hernández, Montes, Quinteiro e Senén. (Foto: Martiño Pinal)
A presentación do libro ‘Don Evaristo, párroco de O Carballiño y promotor de la Vera Cruz’ convocou onte a 200 persoas no Casino da vila. O autor, José Ramón Hernández, destacou ‘a amistade cos nenos e os pobres’ do sacerdote.
O Casino Cultural do Carballiño acolleu na tarde de onte a presentación do libro ‘Don Evaristo, párroco de O Carballiño y promotor de la Vera Cruz’, do que é autor o sacerdote José Ramón Hernández Figueiredo, natural de Castrelo de Miño.

O salón de actos da entidade recreativa quedou moi cativo para dar cabida ós máis de 200 asistentes, entre os que se atopaban o bispo de Ourense, Luis Quinteiro; o alcalde da vila, Carlos Montes; o historiador Felipe Senén, e o actual titular da fregresía, Xosé Benito Sieiro. Un dos presentes, Camilo Figueiredo, comentou que ‘aínda me lembro da colocación da primei ra pedra da igrexa no ano 1943, eu tiña sete anos e chovía a cántaros’.

Pobreza

Este carballiñés, que foi emigrante na Arxentina, asegura que ‘don Evaristo era unha persoa moi boa e deixou un legado humán que é moi difícil de reemplazar’. No mesmo sentido, José Ramón Hernández destacou que ‘o que fora párroco do Carballiño durante case 30 anos e promotor do templo da Veracruz viviu na pobreza e foi amigo dos nenos e dos pobres’.

Así, o autor do libro citou a Celso Emilio Ferreiro: ‘Chove e chove na casa do pobre, e no meu corazón tamén chove’, para resalta-lo apoio moral e económico que don Evaristo Vaamonde daba ás familias con poucos recursos. Hernández Figueiredo firmou un número importante de exemplares da publicación que os asitentes ó acto mercaron ó prezo de 10 euros, moitos deles para agasallar ós achegados.

Te puede interesar