DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Carballiño celebra as Letras Galegas con 18 actividades

Teatro, cine, poesía, un mural, música e a reedición do Cantigueiro de Orcellón forman parte do programa

 A Concellería de Educación e Cultura ten programadas para abril e maio 18 actividades dirixidas a conmemorar o Día das Letras Galegas, que este ano dedícaselle ao poeta Manuel María. Lecturas de poemas, un concerto, un musical infantil, un mural, teatro, cine, marcapáxinas, unha exposición, un recorrido polo roteiro das cantigas de Manuel María e, sobre todo, a reedición do Cantigueiro de Orcellón, completan esta programación.

Máis da metade destes actos teñen como protagonista ao poeta da Terra Chá, autor do Cantigueiro de Orcellón, cuxa reedición, encargada polo concello, será presentada este 15 de abril, na Casa da Cultura, nun acto que estará presidido polo alcalde, Francisco Fumega; Felipe Senén, autor dos debuxos do libro e amigo persoal de Manuel María, así como pola viúva do poeta, Saleta Goy. Neste acto, que comezará ás 20,30 horas, proxectaranse imaxes inéditas do escritor, e ao remate, o grupo “Andasoa” interpretará un dos seus poemas. 

Outras actividades son a audición de poesía o Día Internacional do Libro; o concerto de Magín e Uxía: Canta o cuco; a creación dun mural; a reposición das placas do roteiro do Cantigueiro; a edición dun marcapáxinas, e finalmente, o recorrido polo roteiro o día 17 de maio.

Ademais, outras asociacións como Avantar, o Casino ou Tiruleque, e os colexios, desenvolverán actividades paralelas.

Te puede interesar