O Carballiño recoñeceu “o mérito” das súas pulpeiras

homenaxe4
photo_camera Foto de familia dos cargos públicos e homenaxeados.
Tamén se homenaxeou a Felipe Senén, historiador e secretario da Academia Galega de Belas Artes

O Carballiño viviu este luns unha das súas xornadas máis especiais co recoñecemento do labor das pulpeiras da vila e do traballo do historiador Felipe Senén, actual secretario da Academia Galega de Belas Artes. A todos eles ofrecéuselle o recoñecemento da internacionalidade da Festa do Pulpo nun emotivo acto que contou coa presenza do alcalde, Francisco Fumega; do concelleiro de Turismo, Manuel Dacal; do subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González; da directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia, Marta Fernández, e da deputada provincial de Cultura, Patricia Torres.

No acto, celebrado no marco das semana grande da Festa do Pulpo, entregouse unha placa gravada -cunha inscripción que recoñece o feito de ser “depositarios dunha tradición secular”- ao historiador Felipe Senén e a Pilar da Fuchela. Esta última exerceu como representante das pulpeiras. Os homenaxeados quixeron recordar a todos os pulpeiros que, dende hai décadas, loitan para que a profesión sexa recoñecida como se merece. Ademais, todos os presentes no acto recibiron un exemplar do libro “A Feira do Carballiño”, de Xosé Fariña Jamardo. 

Francisco Fumega asegurou que “hoxe é un día nos que paga verdadeiramente a pena ser alcalde, porque nada resulta máis gratificante que recoñecer o mérito dos nosos veciños e veciñas que se teñen caracterizado por contribuír ao ensalzamento do nome do Carballiño e, dun xeito moi especial, da nosa celebración máis salientable, a Festa do Pulpo”.

Pola súa banda, o concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, subliñou que “sen os pulpeiros e pulpeiras a Festa do Pulpo non tería existido nin teríamos logrado a tan ansiada declaración de interese turístico internacional, que é o colofón a unha longa traxectoria”. 

OS HOMENAXEADOS

Felipe Senén, un dos homenaxeados, manifestou que “onde hai tradición hai orixe, hai orixinalidade, hai creación, e iso é o que nos caracteriza no Carballiño”. Pilar da Fuchela quixo nomear a todas as familias “que loitaron para que os pulpeiros saían adiante” e recordou o xeito no que houbo que traballar para levar o nome de Carballiño “moi lonxe”. 

A Festa do Pulpo continuará mañá martes, ás 19,00 horas, coa elaboración da tapa de pulpo máis grande do mundo na praza Maior.

Te puede interesar