O Concello propón un novo Regulamento de Distincións

Casa do Concello do Carballiño.
photo_camera Casa do Concello do Carballiño.
Fixa un máximo de oito persoas que poderán ser fillos adoptivos, predilectos ou ter medalla de ouro

O Concello do Carballiño dotarase dun novo Regulamento de Honores e Distincións, normativa que terá por obxectivo fixar os procedementos para premiar merecementos excepcionais, en todas as ordes ou servizos destacados, prestados en beneficio do municipio. Cinco serán as modalidades que se inclúen no documento de Honores e Distincións que será presentado á corporación municipal para a súa aprobación: nomeamento de fillo predilecto, fillo adoptivo, medalla de ouro, medalla de prata e presidente honorario da Corporación do Carballiño. 

Haberá un número máximo de distincións, 8 no caso de fillos predilectos, adoptivos e medalla de ouro e 15 no das medallas de prata. As distincións non se poderán acordar sen a existencia previa de vacantes. As vacantes entenderase que se producen a partir dos 10 anos da data do acordo da concesión. As concedidas a título póstumo non se computarán a efectos de número máximo de medallas de ouro e de prata.

Para a concesión dos honores e distincións previstos será precisa a instrución do correspondente expediente, no que se deberán acreditar os méritos e circunstancias da persoa ou entidade á que se pretende distinguir. Cando concorran extraordinarios e notorios méritos no interesado, poderá prescindirse do expediente, sempre que o acordo se adopte por aclamación. A iniciativa do expediente poderá partir da presidencia da Corporación do Carballiño; de proposición asinada por nove concelleiros da Corporación municipal como mínimo ou de instancia subscrita polo menos por cen residentes no concello; ou por unha entidade, institución ou corporación da provincia de recoñecido prestixio.

Segundo se recolle no Regulamento de Honores e Distincións, en todos os casos a presidencia da Corporación será o órgano competente para ordenar a instrución do expediente, así como para o nomeamento do instrutor.

A proposta do goberno socialista será presentada no próximo pleno municipal para ser debatida pola Corporación. O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, confirmaba que se trata dunha actualización do antigo regulamento co fin de contar coas pautas a seguir no caso de que xurda unha proposta. O Concello do Carballiño ten nestes momentos nombrado como fillo adoptivo ao arquitecto natural do municipio e Premio Nacional de Arquitectura, Manuel Gallego Jorreto; e ao Doutor Luis Rodríguez Míguez, fillo predilecto, pola súa contribución á potenciación do termalismo.

Te puede interesar