Unha demostración da malla do trigo anticipa a festa de exaltación do pan de Cea

O programa da ‘XVIII Festa do Pan de Cea’ amplíase nesta nova edición ás vísperas da celebración e inclúe unha mostra previa da malla tradicional de trigo no Carballiño e actuacións teatrais. Grupos folclóricos amenizarán a celebración o 6 de xullo, pregoada polo doctor Modesto Hermida.
Tódolos productos adscritos ós Consellos Reguladores de Denominación de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia teñen cabida na ‘Festa do Pan de Cea’, que se celebrará nesta localidade o vindeiro domingo 6 de xullo cun programa de actividades máis amplio nesta decimoseptima edición.

Deste xeito, o venres anterior -día 4está prevista unha demostración de malla de trigo tradicional a partires do mediodía na Praza Maior do Carballiño, como preludio da representación teatral ‘Contos ó redor da malla’, que a compañía Volta e Dalle ofrecerá na Praza Maior de Cea dende ás 22,30 horas. Desta maneira, os panadeiros de Cea pretenden promocionar a celebración e tamén o seu producto artesanal na vila cabeceira de comarca.

A xornada dominical abrirase a primeira hora da mañá en Cea con pasarrúas de charangas e comparsas, antes da recepción de autoridades prevista para as 12,30 horas.

Pregón

A continuación, na carballeira da localidade, Modesto Hermida, doctor en Filoloxía Románica e escritor nado no municipio, dará lectura ó pregón de exaltación, que irá seguido dun monólogo do actor Pepe Penabade sobre os afiadores.

Durante todo o día, os visitantes terán a oportunidade de degusta-los productos das marcas galegas rexistradas como de calidade, así como dos típicos chourizos ‘ó viño’ con pan de Cea dende as oito do serán. A orquestra Ciudadevigo será a encargada de amenizar un baile popular para pechalos actos deste evento gastronómico.


Te puede interesar