Unha auditoría da Xunta investiga posibles irregularidades no investimento de 300.000 euros

Os ecoloxistas trasladan á Fiscalía as obras da canceira

Un grupo de cans no refuxio municipal de animais ubicado no monte de A Medela. (Foto: Martiño Pinal)
A asociación ecoloxista “Matar por matar non” trasladou nesta semana á Fiscalía xudicial toda a documentación relativa ó proxecto de acondicionamento da canceira municipal do Carballiño, ó considerar que “non foi executado, e nembargantes si foi certificado en decembro de 2006 polas autoridades e os técnicos municipais”, sinala Xulio Fernández, voceiro do colectivo.
A polémica xurdiu en marzo do ano pasado, cando representantes de “Matar por matar non”, “Amigos da Terra” e Adega, visitaron as instalacións do refuxio de animais ubicado no monte de A Medela e descubriron unha fosa con 80 cans mortos. Xulio Fernández apunta que, “nesas datas, a canceira estaba nas mesmas condicións que en anos anteriores e non se fixera nela ningunha obra de reforma ou de mellora sanitaria, e desa irregularidade terá que responder o Concello carballiñés”.

Na documentación entregada ó representante do Ministerio Fiscal figura a aprobación do proxecto de remodelación do recinto de cans en setembro de 2006, cun orzamento de 150.000 euros; no mes vindeiro acórdase unha ampliación deste a 250.000 euros e a introducción de melloras por valor de 48.000 euros, mentres a certificación de remate de obra é de decembro do mesmo ano. O voceiro de “Matar por matar non” lembra que “a Corporación municipal deu por unanimidade o visto bó para a creación dunha comisión que se encargaría de investigar a mortandade rexistrada na canceira, tres meses despois de que o colectivo Outeiro traspasase ó Concllo a súa xestión directa, pero aínda estamos á espera das conclusións”.

O concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo García, manifesta que “a comisón só se reuniu unha vez, xa que a Xunta encargou a unha empresa privada a elaboración dunha auditoría encol de todo o proceso de realización das obras na canceira”, un trámite que deriva das denuncias interpostas contra o Concello do Carballiño polo Servicio de Protección de la Naturaleza (Serprona) da Garda Civil, tra-lo expediente aberto polo descubremento dos cadáveres dos animais.

Por outra banda, Bernardo García adiantou que 'xa dispomos dun capital inicial de 7.000 euros para a posta en marcha da fundación que xestionará a canceira no futuro'. O seguinte paso será ó traslado ó pleno da Corporación dos nomeamentos dos representantes dos grupos políticos e das asociacións veciñais no padroado que rexirá a fundación, e no que terán cabida outros concellos do resto da comarca.

Te puede interesar