A ‘Festa do porco celta’ rendirá homenaxe en Beariz ós emigrantes galegos en México

A cooperativa ‘Oural’ iniciou os preparativos da cuarta edición da ‘Festa do porco celta’, que se celebrará en Beariz o 7 de marzo do vindeiro ano. A organización inclúe novidades no aspecto gastronómico, como a degustación de ‘tostada’ e ‘fréxoles’ mexicanos nunha homenaxe á emigración.
A cuarta edición da ‘Festa do porco celta’ de Beariz estará adicada a México e ós emigrantes galegos neste país, según confirmou José Balboa, coordenador da organización e xerente da cooperativa agrogandeira ‘Oural’. O programa da celebración gastronómica do vindeiro 7 de marzo inclúe novidades no menú tradicional que se sirve ós asistentes.

‘Tendo en conta o número importante de veciños de Beariz que tiveron que emigrar a México, haberá un primeiro plato de tostada con fréxoles, acompañado de carne de porco celta’, adianta José Balboa.

Co mesmo prezo de 20 euros fixado nas edicións anteriores, os comensais que acudan ó pavillón polideportivo municipal tamén degustarán os típicos chourizos con cachelos, lacón con salsa quente e berzas e un postre de buñuelos, ademais de café e licores. ‘Comezaremos a distribuir as tarxetas para o xantar a finais deste ano ou en xaneiro, coa previsión de que os interesados poidan adquirilas ata un máximo de 15 días antes da festa’, apunta o coordenador.

Os organizadores pensaron na persoa de Tomás Alonso, presentador do programa ‘Larpeiros’ na TVG, para dar lectura ó pregón de exaltación. José Balboa comenta que ‘haberá actividades parellas, coma un concurso literario e outro de debuxo encol do porco celta, aberto a tódolos centros de ensino de Galicia’.

Un menú para 800 comensais

A Banda de Gaitas de Beariz será a encargada de amenizar a xornada festeira durante o xantar e no acto previo de recepción das autoridades por parte do alcalde do municipio, Manuel Prado. ‘Nesta nova edición confiamos en superar os 800 comensais que asistiron o pasado 15 de marzo, pero tampouco queremos saturar as instalacións do pavillón’, indicou José Balboa.


Te puede interesar