O CARBALLIÑO

A Insua dos Poetas prepara os actos do Día da Árbore

<p></p>
photo_camera Un rincón da Insua dos Poetas, situada na parroquia de Madarnás.

Está prevista a participación de 300 alumnos de dez colexios da comarca

Dez centros educativos da comarca do Carballiño participarán na celebración do Día Mundial da Árbore, da Auga e da Poesía, no marco do acto literario que se realiza todos os anos, organizada pola Fundación Insua dos Poetas (A Esgueva-Madarnás). O IES Nº1 do Carballiño realizou unha proposta aos centros educativos, tendo en conta que outros anos se levaron a cabo plantacións de árbores na Insua dos Poetas, neste caso cada centro plantará a súa especie.

Así o colexio de Beariz elixiu o amieiro; Boborás o salgueiro; Cea o teixo; o IES Chamoso Lamas o bidueiro; Irixo o freixo; Sagrado Corazón o carballo; San Amaro a faia; o Vila do Arenteiro o loureiro; A Uceira o castiñeiro e o IES Nº1 a sobreira.

Participarán un total de 293 alumnos que serán os protagonistas da actividade encamiñada á exaltación da árbore como piar fundamental na historia, na literatura, na mitoloxía, na música, nas artes en xeral.

O acto terá lugar o próximo 7 de abril na Insua dos Poetas, e ademais de plantar cada centro unha especie arbórea autóctona, tamén presentará algunha manifestación artística sobre esa especie en concreto: poemas, cancións, obriñas de teatro, murais, disfraces, bailes, ou xogos. Esa árbore podería converterse no símbolo do centro, na árbore que o identificaría no bosque educativo da bisbarra ou ben cada centro escollería unha nova árbore en cada unha das edicións sucesivas do acto.

Te puede interesar