Unha escultura de Manuel Penín marcará a vindeira celebración da Festa da palabra en Madarnás

A Insua dos Poetas rinde homenaxe a Celso Emilio

'A Insua dos Poetas' conta dende onte cunha nova escultura da que é autor o ourensán Manuel Penín. Colocouse neste entorno natural da parroquia carballiñesa de Madarnás porque para o vindeiro sábado está prevista a celebración da 'IV Festa da Palabra', unha iniciativa do escritor de Guimarás, Luis González Tosar, que puxo en marcha no 2008, apoiado por artistas como Antón Lamazares ou o escritor Manuel Rivas e a brasileira Nélida Piñón. A insua convertiuse dende aquela nun espazo de encontro para a cultura.
Luis González Tosar refírese o autor da escultura como 'un dos valores en alza dos novos artistas ourensáns'. Entre a figuración e a abstracción, describe o escultor esta obra inspirada no poema de Celso Emilio Ferreito 'Irmaus', que tamén figura ó pé da escultura na insua. 'Irmaus canta á solidaridade e a irmandade contra o racismo, a discriminación e a xenofobia', matizaba Tosar.

A escultura está feita en bronce e ten a calidez do coiro como consecuencia da mistura de 10 cores, segundo indicou Manuel Penín, engadindo que 'co paso do tempo integrarase na propia insua'.


CENTENARIO

O monumento está adicado a Celso Emilio Ferreiro con motivo da celebración do centenario do seu nacemento e dos 50 anos da publicación do seu libro 'Longa noite de pedra'. Luis Tosar destacou que esta iniciativa conta coa colaboración de diversas institucións, 'fundamentalmente da Deputación, e este ano tamén participa a Xunta', indicou o escritor.

A partires das 12,00 horas do vindeiro sábado iniciarase o acto literario desta cuarta edición da Festa da Palabra. Luis González Tosar espera a presenza de representantes de numerosas institucións e organismos, desde o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín, ata o presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares, ou o director da editorial Galaxia, Víctor Freixanes e moitos outros entre os que destacan escritores e artistas de renombre e outros máis noveles. Tamén se prevé a asistencia de autoridades como o presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, entre outros. Unha vez acabado o acto literario serán entregados os premios 'Setecarballas' ás institucións e persoas que destacan no fomento da cultura.

É a segunda edición deste recoñecemento, que tamén terá una Distinción ó Mecenazgo para a empresa Coren, porque 'o xantar de irmandade que temos despois é con productos donados por Coren e co viño da adega Viña Costeira, a través do Inorde', sinala Tosar.

Te puede interesar