Non é o 'rastro' de Madrid pero pouco lle falta. Onte, na Eira de Flores, podíase mercar a prezos de entre un e cinco euros. Bolsos, abalorios,pratos ou roupa, a elexir. Unha iniciativa que terá continuidade en xuño.

Onde mercar é moi barato

Ollada xeral ó rastro. (Foto: Marcos Atrio)
AEira de Flores voltou a ser escenario da feira do Carballiño, tres séculos despois da súa creación. As asociacións Avantar, Cine Clube, Pepa Loba e Os Serandeiros foron quen de xuntarse para promover un 'rastro' no casco histórico da vila, aínda cativeiro na súa primeira andaina, pero que onte foi, dende as once da mañá e ata as seis do serán, un atractivo máis para encher o lecer dominical de veciños e visitantes.
Nesta recuperación secular, non se trata da venda ou mercado de cousas novas, senón mais ben usadas ou esquecidas nalgún recuncho da casa. Uns postos, algúns cos reclamos de 'todo a un euro' ou 'todo a dos euros', invitaban a admirar un bó número de monedeiros, bolsos, cinturóns, zapatos, botas, roupa, pratos e abalorios artesáns, todos eles en bó estado de conservación. Incluso os rapaces do colectivo de discapacitados 'Aspadisi' amosaban un par de máquinas mecanográficas e tazas de diferentes tamaños.


O TROCO

Non faltaron tampouco os cadros que dende o seu retiro pinta José Moleiro, se ben iste carteiro metido tamén a poeta non lles dá máis valor económico que ó da inspiración, ou un posto onde se mostraban revistas e libros con moitos anos de antigüidade. Nembargantes, o lugar máis destacado pola organización foi o reservado para o fomento do troco entre as nenas e nenos da comarca, un espazo onde se poden achegar para intercambiar os seus obxectos, entre os que se atopaban cintas para o pelo, pulseiras e ata un reloxo dixital de plástico, entre outros. Dende o mediodía, a música das gaitas, panderetas e tambores da agrupación musical de 'Os Serandeiros', un dos colectivos promotores, contribui a chamar a atención das persoas que circulaban polas rúas colindantes ó barrio de Flores, que se achegaron axiña para coñecer iste particular mercadiño. 'Con esta iniciativa, preténdese revalorizar os obxectos vellos que temos na casa e ós que non lle damos uso algún, coa espranza de que, a través da venda ou o troco, poidan recuperar a súa función en mas doutra persoa', apuntou Darío Rodríguez, da agrupación cultural Avantar.

A intención dos organizadores é manter o 'rastro' ó longo do tempo, de xeito que poida celebrarse cada segundo domingo dos meses pares, é dicir: abril, xuño, agosto, outubro e decembro deste ano. Unha alternativa de consumo que complementará a inquedanza da Concellería de Comercio e Turismo do Carballiño para a recuperación das feiras e mercados nas datas dominicais, coa data do 8 de maio como punto de partida.

Outro programa de promoción da vila do Arenteiro para atraer, fundamentalmente, á xente de toda a comarca e á aqueles visitantes de fóra dela que desexen pasar unha xornada de lecer. O compoñente gastronómico das pulpeiras de Arcos e o folclórico dos grupos de gaiteiros estarán en combinación coa apertura dos establecementos comerciais e a posibilidade de achegarse a postos de venda ambulante.

Te puede interesar