A oposición insta ó Concello carballiñés a crear o padroado de xestión da canceira

Os grupos políticos da oposición no Carballiño lembran ó alcalde que a canceira municipal debería rexirse por un padroado dende o 1 de xuño, tal e como acordou a Corporación.
O funcionamento da canceira municipal do Carballiño segue a ser o mesmo dende que o primeiro día do presente ano a súa xestión foi asumida polo Concello, sinalan os grupos da oposición, PP e BNG. Ademais, ‘o equipo de goberno aínda non deu resposta á batería de preguntas formulada por nós encol da apertura dunha investigación polos 76 cans que apareceron mortos nunha fosa o pasado 3 de marzo’, coinciden en sinalar os voceiros ‘popular’, Argimiro Marnotes, e nacionalista, Bernardo García.

Os dous concelleiros tamén fan referencia á creación dunha fundación para a xestión da canceira, ‘que tiña que estar constituida ó traverso dun padroado o primeiro día deste mes de xuño, tal e como foi aprobado por maioría no pleno extraordinario da Corporación celebrado o 26 de marzo’. Naquela sesión, solicitada polo PP, os dous grupos da oposición votaron a favor da constitución da fundación, na que terían cabida asociacións ecoloxistas e outros municipios da comarca interesados no uso da canceira carballiñesa.

Espera

O alcalde, Carlos Montes, manifestou onte a súa intención de ‘esperar ás xestións que está a facer a Deputación para solucionar os problemas de recollida de cans que están a padecer noutros municipios da provincia’. Por iso, o rexedor socialista descarta ‘a curto prazo que se convoque unha xuntanza para constituir a fundación da canceira, independentemente de que tampouco dispomos da partida de 90.000 euros que estaba consignada nos orzamentos deste ano, pendentes de aprobación’.


Te puede interesar