Os propietarios do comunal están dispostos a ceder dúas hectáreas en aluguer ou a cambio de obras

Ourantes negocia ceder terreo para ampliar o castro de Las

Vista de San Cibran de Lás. (Foto: Arquivo)
Os propietarios do monte comunal da parroquia de Ourantes, de 120 hectáreas e ubicado no municipio de Punxín, están dispostos a negociar coa Consellería de Cultura a cesión de terreo para a ampliación das excavacións e do proxecto turístico que xira en torno ó castro de San Cibrán de Lás. O recinto castrexo (dunhas 16 hectáreas de superficie total) ocupa na actualidade sete hectáreas dun total de nove dunha das parcelas que son propiedade dos comuneiros.
A intención do departamento autonómico é aumentar a superficie do castro na parte correspondente a Punxín (o resto forma parte do municipio de San Amaro) para a posta en marcha dun proxecto definido como 'arqueoloxía experimental', e que consiste na reconstrucción de vivendas castrexas para que os visitantes coñezan o xeito de vida e as costumes dos seus moradores hai agora 2.000 anos.


ALUGUER

Antonio Obenza, membro da xunta rectora do comunal, sinalou que 'imos convocar unha asamblea de propietarios, que somos ó redor dun medio cento, para avaliar cal será a mellor fórmula para enaxenar os terreos que precisa a Xunta, que posiblemente sexa facer unha cesión por un periodo de tempo determinado, xa sexa en réxime de aluguer ou ó traverso de contrapartidas en obras de infraestructura para a parroquia'.

Unha representación dos comuneiros xa mantiveron un primeiro contacto o pasado martes, na Casa do Concello de Punxín, nunha xuntanza na que participou o alcalde, Alfredo Cruz, e o delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, así como técnicos da sección de Patrimonio.

'Nós amosamos unha boa disposición para asumir o proxecto que promove Cultura, pero xa lles comunicamos que non podemos tomar unha decisión definitiva mentres non consultemos coa asamblea', apunta Antonio Obenza. Inicialmente, descartan ter que someterse a un proceso de expropiación, xa que consideran viables outras alternativas.

Te puede interesar